A Xunta recoñece que máis de 13% da poboación agarda por unha cita hospitalaria

Elena Espinosa (PSdeG), Encarna Amigo (PP) e Iria Carreira(BNG), onte, durante o debate sobre as listas de agarda no pleno do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

 

A situación do sistema sanitario marcou onte o debate no Parlamento da Galiza, dous días despois da multitudinaria mobilización en Compostela en defensa da sanidade pública. Malia recoñecer “problemas”, o PP apostou por darlle continuidade ás súas políticas en materia de saúde.

A Xunta da Galiza seguirá agochando o número real das persoas incorporadas ás listas de espera do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Os parlamentarios e as parlamentarias populares rexeitaron onte unha iniciativa presentada pola deputada nacionalista Iria Carreira que reclamaba “facer públicas a totalidade das listas de espera do sistema público de saúde, incluíndo as listas de espera non estruturais, nun prazo inferior a un mes” e “habilitar os mecanismos precisos para rematar coas listas de espera non estruturais, reincorporando ás listas estruturais todas e todos os pacientes que foron eliminados das mesmas por calquera motivo”.

Carreira denunciou que a propia Xunta da Galiza recoñece que “hai mais de 350.000 persoas nunha lista de espera” e afeou ás autoridades sanitarias o incremento das persoas en agarda dunha cirurxía. Neste punto, lembrou que hai “3.308 pacientes máis agardando para operarse” que en 2023, o que significa “7,3% máis a respecto das que había” na anterior anualidade. Na mesma dirección, reclamou información sobre aqueles doentes que fan parte das listas de agarda non estruturais do Sergas, isto é persoas en espera dunha cita hospitalaria para unha cirurxía, consulta ou proba diagnóstica que as autoridades sanitarias non computan a nivel oficial. 

A proposta dos nacionalistas contou co apoio de Democracia Ourensá (DO) e do PSdeG. A este respecto, a parlamentaria socialista Elena Espinosa asegurou que “a xestión da sanidade está tinguida de negro e só resplandece o labor dos profesionais mentres o Goberno galego só se preocupa de falsear os datos oficiais deixando fóra boa parte das persoas que están a agardar pola atención sanitaria”. Neste sentido, denunciou que a xestión do PP “empeorou as esperas en todas as especialidades entre 2019 e 2024” e advertiu de que “as demoras na atención son inasumíbeis e levan ao sistema a unha situación insostíbel”.

PP

A deputada popular Encarna Amigo defendeu a negativa do Goberno galego a facer pública a totalidade das listas de espera, manifestando que "non imos negar que temos problemas, pero estamos en mellor situación que outros territorios, mesmo naqueles nos que gobernan socialistas e nacionalistas". Asemade, cargou contra as miles de persoas que participaron o pasado domingo na manifestación de SOS Sanidade Pública contra os recortes sanitarios, indicando “vostedes pretenden gañar na rúa o que perderon nas urnas. Buscan esconder os seus bulos entre berros e pancartas, pero non o van a conseguir".

A situación de desamparo en que se atopan os doentes incluídos nas listas de espera non estrutural é motivo de preocupación para institucións e colectivos en defensa da sanidade pública. Sen ir máis lonxe, a Valedora do Pobo ten denunciado nas súas memorias dos últimos anos que “os doentes -ao rexeitar seren atendidos nun centro privado- pasaban a formar parte dunha lista de espera diferente, coñecida como 'lista de espera non estrutural' na que non resultaba de aplicación o tempo de espera máximo estipulado legalmente para a realización da devandita cirurxía".

O voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, explica a Nós Diario que “o número real de persoas en lista de agarda pode ser de entre 30% e 60% superior ao recollido nos datos oficiais da Xunta” e lembra que un estudo elaborado polo seu colectivo en 2019 situaba en "17.000 ou 18.000 as persoas nesta situación na área sanitaria de Vigo". Nesta liña, incide en que “a realidade das listas coñéceas ben a poboación, que debe agardar meses antes de ser intervida”, sendo “a media de tempo de espera dun doente para ser operado desde que acode á Atención Primaria por un problema de 200 días”.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que compareceu onte na Cámara galega en relación a este tema, insistiu en manter as mesmas políticas que xeraron as listas de espera actuais. Malia recoñecer que 357.821 persoas fan parte das mesmas, o que representa 13,1% da poboación galega e 48.335 esperan por unha intervención cirúrxica, ás que se deben engadir aquelas incorporadas nas listas de agarda non estruturais, que a Administración agocha, Gómez Caamaño afirmou que “a realidade é que Galiza ten un sistema sanitario público que funciona e responde en todas as área sanitarias”.

“Galiza ten retos pero ten resultados”, continuou Gómez Caamaño, que apuntou que “todas as áreas sanitarias galegas teñen tempos de espera mellores que as comunidades gobernadas polos socialistas”. Neste punto, a deputada do PSdeG Elena Espinosa lembrou que “os tempos medios de espera para unha consulta son de 60,8 días, lonxe dos 42 que fixaran como obxectivo hai dous anos”.

Pediatría

A situación da asistencia pediátrica nos concellos de Carnota e Muros (comarca de Muros) colocouse, onte, no Parlamento a través dunha intervención de Iria Carreira (BNG). Precisamente, no primeiro dos municipios está convocada para o sábado unha concentración para reclamar a recuperación do servizo de Pediatría, que é apoiada polo Goberno local, formacións políticas como o PP, o BNG e o PSdeG e 15 colectivos sociais. Denuncian que “máis de 900 crianzas” de Carnota e Muros son atendidas por unha soa profesional, prestándose o servizo só en horario de mañá ou nas urxencias hospitalarias “a 70 km de distancia”.

Sen prazas residenciais para pacientes psiquiátricos

A problemática criada nas nos centros de maiores pola decisión do Goberno galego de internar nos mesmos persoas con doenzas mentais volveu onte ao Parlamento da Galiza a través dunha proposta presentada pola deputada nacionalista Olalla Rodil. Na mesma, demandábase “crear unha rede de servizos residenciais e atención sociosanitaria integral para persoas con trastornos mentais ou doenzas psiquiátricas que non teñan rede de apoio e se atopen nunha situación de emerxencia social”.

A iniciativa, rexeitada cos votos do Partido Popular, reclamaba, tamén, “pór en funcionamento de maneira inmediata o centro de coidados intermedios do CEGADI, no concello de Santiago de Compostela, e iniciar no segundo trimestre de 2025 as obras no antigo Rebullón, en Mos (comarca de Vigo), para o impulso do segundo destes centros”. Neste sentido, Rodil defendeu  “a xestión directa do servizo” e apostou por unha mudanza normativa para “adaptar a regulación ás necesidades actuais e a un modelo de atención centrada na persoa a comezar polo incremento da rateo de persoal de atención directa”.

Os populares argumentaron contra a proposta que a Xunta da Galiza está a desenvolver un esforzo moi importante para reforzar a saúde mental pondo en marcha novas prazas residencias. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, afirmou onte en Cervo (A Mariña), que o seu departamento “está inmerso na elaboración dun novo plan de saúde mental”.