A Xunta rebaixa as restricións especiais en oito concellos

Control de mobilidade pola pandemia no entorno de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O comité clínico aconsella reducir as limitacións en varios municipios, entre eles Ourense e Compostela. Porén, entran outras dos localidades no grupo de concellos con prohibicións extra e restricións de mobilidade.

A Consellaría de Sanidade vén de anunciar que as medidas restritivas pola evolución do coronavirus vanse rebaixar nos concellos de Compostela, Ames, Teo, Ourense, Barbadás, Pereiro de Aguiar, A Estrada e Ares. Todos pasarán a rexirse polas limitacións estabelecidas para as localidades no nivel 2 de risco.

Aliás, na reunión do comité clínico que fai o seguimento da pandemia na Galiza -na que participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e os conselleiros de Sanidade e Política Social, Julio García Comesaña e Fabiola García, respectivamente- acordouse elevar as prohibicións nos municipios da Guarda e As Pontes. De feito, segundo puido saber este diario, polo menos na vila da comarca de Ferrolterra os servizos sanitarios están desbordados pola gran incidencia do coronavirus nestes últimos días.

A situación epidemiolóxica tamén fai que se vaian incrementar a atención e o control do comité de expertas e expertos ás estatísticas que contaxios que se coñezan en Boiro, A Rúa, A Lama, Ordes e Cerceda.

Feches perimetrais

Segundo explicaron fontes de Sanidade a última hora desta terza feira, após avaliar a boa evolución rexistrada nas áreas perimetrais de Compostela-Ames-Teo e Ourense-Barbadás-Pereiro de Aguiar optouse por "diminuír as medidas restritivas nestes concellos" que volverán ás medidas de nivel xeral. Tamén regresan ao nivel 2 A Estrada e Ares.

Tan só falta que o cambio da situación sexa publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG), pero semella que os negocios de hostalaría poderán volver a abrir con certas normas de capacidade.

Pola contra, A Guarda e As Pontes súmanse á listaxe de concellos con medidas especiais, que neste momento son 56. Fican nese grupo grandes cidades e áreas metropolitanas como A Coruña, Pontevedra ou Ferrol, entre outras zonas.

Así mesmo, o encontro de traballo rematou coa consideración de que existe un risco especial en Boiro, Ordes, Cerceda, A Rúa e A Lama, polo que o comité clínico aumentará a vixilancia.