A Xunta realizará hoxe tests de antíxenos a quen non estea inmunizado

Test de antíxenos (Foto: Rober Solsona / Europa Press).
Será nas sete grandes cidades galegas e funcionarán en horario de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas

A Xunta da Galiza habilitou este sábado dispositivos móbiles en diferentes puntos das sete cidades galegas onde ofrece a realización de tests de antíxenos á poboación que non dispoña da pauta completa de vacinación, así como a expedición do correspondente certificado co resultado desta proba.

Tal e como informou a Consellaría de Sanidade nun comunicado, estes dispositivos contarán con persoal de enfermaría e funcionarán en horario de mañá de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

A Xunta realiza esta experiencia piloto coa intención de "aumentar a capacidade diagnóstica da Galiza" e quere, deste modo, "axudar a cidadanía galega a familiarizarse con este sistema co que se verá obrigada a convivir mentres a situación epidemiolóxica non mellore e o proceso de vacinación non alcance a unha porcentaxe aínda maior da poboación".

Sanidade indicou ademais que o Goberno galego traballa cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos da Galiza "para deseñar un protocolo de validación dos autotests" que están dispoñíbeis sen prescrición médica nas farmacias.

"Este protocolo permitiría a validación por parte dos profesionais da farmacia da identidade da persona diagnosticada e da correcta aplicación da proba, permitindo deste modo certificar a autenticidade do seu resultado e que o mesmo sexa válido para permitir o acceso ás actividades que, segundo as novas medidas de restricións aprobadas, requiran dispor, entre outras opcións, dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) negativa", explicou o departamento da Xunta.

Localizacións

Na cidade da Coruña, o punto de realización de test de antíxenos instalouse na chaira do Pavillón de Deportes de Riazor; en Lugo, na Praza Maior; en Ourense, no Xardín do Posío; en Pontevedra, na Praza de España; en Santiago, na Praza Loura; en Vigo, na chaira do Náutico; e, en Ferrol, na Praza da Constitución.

En Pontevedra, o horario de atención será de 12 a 14 horas, e de 16 a 20 horas da tarde.