A Xunta propón unha OPE que suma máis de 4.300 prazas para sanidade, educación e administración xeral

(Foto: Xunta da Galiza).
En concreto, a proposta do Executivo galego é de 1.600 novas prazas no ámbito educativo, 1.491 serían para a Administración xeral e 1.215 para o ámbito sanitario.

O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, anunciou esta quinta feira, tras a reunión semanal do seu Goberno, a convocatoria dunha oferta de emprego público (OPE) correspondente ao exercicio de 2021 de máis de 4.300 prazas para os ámbitos da Administración  xeral, sanidade e  educación.

En concreto, a proposta do Executivo galego é de 1.600 novas prazas no ámbito educativo -pendente de negociar en mesa sectorial-, que se sumarían ás máis de 3.600 que quedaron aprazadas da convocatoria de 2020 por mor da pandemia e cuxos exames empezarán o próximo 19 de xuño.

Feixoo avanzou que, aínda que a  OPE educativa que se negociará corresponde a 2021, as novas prazas non se poderán convocar até o próximo exercicio.

Das novas prazas ratificadas por Feixoo tras o Consello da Xunta, así mesmo, 1.491 serían para a Administración xeral e 1.215 para o ámbito sanitario.

"En sanidade facemos o que podemos, esgotamos a taxa máxima de reposición e sacamos o 110% das vacantes", remarcou, e insistiu en que á Administración galega gustaríalle "sacar máis prazas", pero topa co impedimento estatal.

"O mesmo ocorre" no ámbito da Administración  xeral, destacou, quen pediu ao Goberno estatal que "sente a escoitar" e recapacite en relación á taxa de reposición.