A xunta de persoal do Chuac solicita o cesamento do xerente tras "anos" de denuncias por "falta de seguridade"
A xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) presentou esta cuarta feira un escrito ante a Consellaría de Sanidade, na súa sede en Santiago, para solicitar o cesamento do xerente da área sanitaria, Luis Verde, pola "falta de seguridade" do persoal traballador que suma "anos" de denuncias.
Aínda que a agresión sufrida por un enfermeiro e un vixilante a pasada segunda feira no servizo de Urxencias por parte dun paciente con problemas psiquiátricos acrecentou as medidas reivindicativas, os sindicatos xa viñan advertindo que "non hai protocolos" adecuados.
En declaracións aos medios á entrada da sede de Sanidade, no barrio compostelán de San Lázaro, a presidenta da xunta de persoal do Chuac e delgada da CIG, Lucía Peón, explicou que o protocolo de actuación ante as urxencias psiquiátricas "está totalmente obsoleto".
"No 2012, as urxencias nin sequera estaban onde están agora, para que nos fagamos unha idea. E é un protocolo que non fala de que persoas teñen que intervir, como hai que facer... É dicir, é un protocolo moi xenérico que non está adaptado", asegurou.
Ademais, tal e como explica o escrito presentado ante o rexistro da Consellaría, levan "anos" sinalando a "falta de camas" na unidade psiquiátrica de agudos do Hospital de Oza, o que implica que haxa pacientes que "permanecen días ou semanas" nas urxencias do Chuac.
Neste sentido, rexeita a medida provisional da Xerencia de dispor dúas habitacións na unidade de rehabilitación para este tipo de doentes "cunha enfermeira na porta" para vixiar, algo que "estigmatiza ao paciente".
Segundo Lucía Peón, o xerente "leva anos dicindo que van aumentar as camas" en Oza e chegou a anunciar que a obra arrincaría "en xaneiro" deste ano, pero "está sen empezar".
A presidenta da xunta de persoal –que inclúe aos sindicatos CIG, CCOO, UXT, CSIF, O'Mega, Satse e SAE– advertiu que existe "unha infracomunicación" das agresións a persoal, que en multitude de ocasións non chegan a ser físicas, como a ocorrida a semana pasada, senón verbais.
"E é responsabilidade súa [do xerente] actuar, porque nós levamos tempo denunciando esta situación de conflitividade que non se resolve. Entón, por iso pedimos o seu cesamento agora", incidiu Peón.
Asistencia no penal de Teixeiro
Así mesmo, a xunta de persoal incluíu no seu escrito a situación de inseguridade na Atención Primaria de Teixeiro, en Curtis, que asiste tamén aos reclusos do centro penitenciario. Aínda que existe un protocolo que estabelece que deben participar as forzas da orde pública nesta atención, "non se está cumprindo continuamente".