Xunta pecha o lecer nocturno e restrinxe as xuntanzas nos nove concellos da comarca da Coruña

Cans, e paseantes sobre a area de Riazor, na Coruña (Imaxe: Arxina).

O Concello da Coruña cancela o Festival Noroeste, que arrincaba esta noite, polas novas medidas sanitaria.

O aumento de positivos de coronavirus na área sanitaria da Coruña-Cee levou á Consellería de Sanidade a decretar o peche do lecer nocturno nos nove concellos que conforman a comarca da Coruña, así como a impor restricións que afectan a reunións e a actividades a distinto nivel.

Tras unha reunión esta sexta feira do comité clínico, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, recoñeceu que os focos na área da Coruña, sobre todo o relacionado co ximnasio situado na localidade de Meicende, no municipio de Arteixo, que xa superou o medio centenar de contaxiados, fai pensar "nun risco de transmisión comunitaria".

Por iso, ademais do peche do lecer nocturno na comarca da Coruña (que inclúe os municipios da Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros, Cambre, Abegondo, Carral, Bergondo e Sada), Sanidade tamén decidiu que nestes nove concellos quedan prohibidas as festas e verbenas "para limitar a transmisión", ante "a porcentaxe alta de persoas novas que son positivas e transmisores".

Estas medidas serán publicadas esta tarde nunha edición especial do Diario Oficial de Galiza (DOG) e entrarán en vigor ás 00: horas desta noite.

Así mesmo, desde esta medianoite, en toda a área sanitaria da Coruña-Cee restrínxense as visitas nas residencias da terceira idade e tampouco se permite saír aos residentes. Tamén se pechan todos os centros de día en toda esta área sanitaria.

Nos municipios da Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros e Cambre queda limitado o aforamento ao 50% en todas as actividades, restrínxense as reunións privadas a un máximo de 10 persoas e limítase o horario de peche de bares e restaurantes á unha da madrugada. As medidas serán revisadas en cinco días.

Apelan á responsabilidade individual

O doutor Pedro Rascado, membro do comité clínico, lembrou que "o virus segue con nós, e seguirá con nós bastante tempo". Apela á "responsabilidade individual" nas medidas de hixiene. "O virus transmíteno amigos e familiares", asegurou Rascado, polo que "nestas reunións hai que ser estritos coas medidas de seguridade". 

Na mesma liña se expresou o doutor Vázquez Lima: "Apelamos ao cumprimento das normas, tanto de seguridade como as restricións que temos que facer periodicamente".