A Xunta pagou 655 millóns a Povisa desde que o grupo Ribera Salud mercou o hospital

2025 e 2026 serán as anualidades nas que Povisa recibirá máis diñeiro das arcas públicas. (Datos: Consello de Contas e Xunta da Galiza / Gráfico: Nós Diario
A empresa comprou o centro vigués en 2019 por 24 millóns

O grupo sanitario Ribera Salud continúa no centro da polémica polas informacións que apuntan a que o seu conselleiro delegado (CEO) instaba a non atender tantos pacientes no hospital madrileño privatizado de Torrejón para así gañar máis diñeiro. Ribera Salud é propietario na Galiza do Hospital vigués Povisa, de dous complexos hospitalarios máis na Galiza —Polusa en Lugo e Juan Cardona en Ferrol— e dunha decena de centros sanitarios e clínicas.

Esta presenza fixo que ao se coñecer as informacións sobre o denunciado en Torrejón, tamén na Galiza haxa preocupación. Unha preocupación que levou o BNG a urxir a que se investigue se en Povisa hai "manipulación" de listas de agarda. En defensa do hospital privado vigués  voltou saír esta sexta feira o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. "Todas as prestacións fanse baixo as máximas condicións de calidade", dixo Caamaño. "Temos especificamente unha Unidade de Control", engadiu, para explicar que a Xunta encárgase de garantir esas condicións. 

Cando Ribera Salud fechou a compra de Povisa por 24 millóns de euros en 2019, o centro hospitalario de Vigo recibía do Sergas pola actividade concertada, uns 78,3. Agora, 2025, recibe case 20 millóns de euros máis que daquela: 97,5 millóns, os mesmos que vai ingresar da Xunta da Galiza en 2026. Entre 2019 e 2026, Ribera Salud recibe do Sergas ao redor de 655 millóns de euros, segundo os datos do Consello de Contas e da propia xunta. 2025 e 2026 van ser as anualidades cun maior custo para as arcas públicas.

O ano antes de ser comprado por Ribera Salud, 2018, a daquela propietaria do centro, o grupo Nosa Terra, argumentou que rexistraba perdas para pedir unha renegociación do convenio coa Xunta. O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeito esa pretensión nunha sentenza, mais o Goberno galego melloroulle igualmente as condicións.

"Sergastizar"

Povisa é o único hospital privado da Galiza que ten asignada unha parte da poboación do Sergas, actualmente 113.000 persoas, unha cifra inferior en  20.000 persoas ás que tiña asignadas en 2019. O último contrato —195 millóns de euros para 2025 e 2026— entrou en vigor o 12 de abril. O día anterior, o conselleiro de Sanidade, García Caamaño, aseguraba que contratar con este hospital privado “non é privatizar" , senón que era "sergastizar". 

O Hospital ten 400 camas e no último concerto subscrito co Sergas recóllense as novas tarifas e prezos que a Consellaría de Sanidade vai pagar nestes dous anos a Ribera Salud. Así, por exemplo, Povisa cobrará ás arcas públicas 240 euros por unha atención no servizo de Urxencias e 25.000 euros por unha cirurxía de colon.

Povisa non é a única empresa privada que en Vigo recibe diñeiro público no ámbito da sanidade. Os orzamentos da Xunta para 2026 contemplan —no apartado  de 'Contratos de colaboración público-privada e concesión pública'— que se pagarán no vindeiro ano 26,6 millóns de euros polo canon de construción do complexo hospitalario vigués. Unha cifra que en 2027 será de 31,2 millóns de euros. E así, ano tras ano, até 2035, último exercicio no que a Xunta terá que pagar por este canon. Ese ano, e segundo o proxecto de contas para 2026, a cantidade a pagar será de 17,3 millóns.