A Xunta oculta un surto de coronavirus no seu edificio administrativo da Coruña

O edificio da Xunta na Coruña, nunha imaxe de arquivo. (Foto: CIG)

Parte do persoal funcionario exixe a dimisión da xefa territorial da Xunta porque a Administración galega non informou do brote e, ante as consultas da CIG, mesmo chegou a restarlle importancia.

A sección sindical de persoal funcionario da CIG denunciou esta segunda feira que a Xunta tivo coñecemento dun brote de coronavirus no edificio administrativo de Monelos -a sede principal do Goberno galego na Coruña- e “non informou” nin á representación das traballadoras nin a estas directamente.

O sindicato indica que a Xunta de Persoal Funcionario tivo un encontro coa secretaria territorial a pasada sexta feira, 3 de xuño, sen que esta explicara que se detectara un surto da Covid-19 na planta baixa do centro de traballo de Monelos.

Segundo afirma, foi a propia CIG a que puxo o tema sobre a mesa ao “ter coñecemento da situación por unha traballadora”.

Ao preguntar sobre a infección e as posibilidades de contaxio, toda vez que non se trasladou a información ao respecto, “a administración quitoulle ferro, como se tivese unha mínima importancia, cando non é así, sen ofrecer explicacións”.

Baixo esta actitude, as e os representantes ven unha “burla da Xunta” no que respecta á protección do seu persoal fronte á pandemia. De feito, cualifican de “escandaloso” o feito de que “na reunión se lle agochara á representación social” este episodio.

A nova chegoulles polos medios de comunicación. "Por estas noticias, soubemos de que Sanidade aplica os protocolos de seguridade no edificio administrativo de Monelos despois de detectar tres positivos”, comentaron.

"Desprezos e desleixo"

“Xa basta de desprezos, de desleixo e de preguiza na saúde laboral na Xunta", incidiron desde a central sindical, que non quere “transixir a improvisación nin permitir a ocultación como forma de solucionar ou atallar” un gromo de coronavirus.

"As persoas que traballan no edificio están preocupadas, alarmadas pola nula acción dos seus xefes e xefas directas, que como única medida preventiva tomaron a decisión de abrir unha porta. O que o persoal quere é traballar en confianza e con seguridade e non coa exposición ao perigo", engadiron as mesmas fontes.

Fronte ao silencio administrativo, dende a CIG demandan a dimisión das responsábeis da Delegación Territorial da Xunta na Coruña e da xefa territorial de presidencia, “responsábel directa do servizo onde se deu o gromo, por non actuar coa dilixencia requirida”.