A Xunta non vacinou o persoal dos centros de menores malia figurar no grupo que xa debería estalo

Dose da vacina de Pfizer (Foto: Europa Press).
Os delegados e delegadas sindicais presentaron escritos en Política Social e Sanidade para demandar que, de forma urxente, comecen as citacións.


 

A representación legal dos traballadores e das traballadoras de CIG, CCOO e UGT nos Centros de Menores da Galiza presentou sendas denuncias ante a Consellaría de Política Social e a Dirección Xeral de Saúde Pública para demandar que “de inmediato” principie o proceso de vacinación de todo o persoal destes centros.

Os sindicatos lembran que a Xunta estableceu un Plan Galego de Vacinación pola que se regula a realización das vacinacións no sistema sanitario público de Galicia, co obxectivo principal de reducir a morbilidade e mortalidade causada por esta enfermidade, protexendo especialmente a aqueles grupos de poboación con maior vulnerabilidade.

Dentro desta estratexia de vacinación, os Centros de Menores figuran no grupo 3 (outro persoal de ámbito sanitario) e concretamente no apartado 3B, pero sorprendentemente, sinalan as centrais, son "esquecidos" e saltados, “e a día de hoxe aínda non se comezou a chamar o persoal, malia que xa se está a administrar a vacina a outros grupos posteriores”.

Cando os delegados e as delegadas se dirixiron a Política Social para coñecer os motivos deste "esquecemento" non obtiveron ningún tipo explicación ou xustificación ao respecto, afirman.

A representación do persoal dos Centros de Menores entende que as doses da vacina dispoñíbeis son limitadas, mais non conciben que dentro das etapas de vacinación non se respecten as prioridades dos grupos de poboación de vulnerabilidade, risco de padecer una enfermidade pola Covid-19 ou do risco de transmisión, que a propia administración recolle no seu plan de vacinación.