A Xunta négase a facer públicos os datos reais de falecementos por Covid-19 nas residencias

A deputada nacionalista Olalla Rodil. (Foto: BNG)

As informacións que foi fornecendo o Executivo galego ao longo da pandemia tiveron momentos confusos nos que foi difícil seguir a realidade nestes centros. O BNG quere saber a “verdadeira razón” da negativa.

O Bloque Nacionalista Galego quere saber, ao igual que unha parte da sociedade galega, o efecto real do coronavirus nas residencias de maiores. Por iso, a deputada do BNG, Olalla Rodil, instou hoxe á Xunta a publicar os datos desagregados, mais o Executivo galego negouse a tal medida a través do seu grupo parlamentar.

Non todo foron momentos de transparencia informativa ao longo da pandemia, como teñen avisado as propias familiares de usuarias dos xeriátricos, e nalgúns momentos nos que os contaxios e as mortes transcenderon agrupados sen aportar publicamente máis aclaracións.

De feito, unha situación así como mestura de balances de diversos días deuse hai non moito, ao final da terceira onda da pandemia na Galiza.

Con este panorama e certo descoñecemento da realidade, a deputada do BNG exixiu no Parlamento que a Xunta leve á súa páxina web “os datos desagregados por contaxios e persoas falecidas con Covid nos centros residenciais e hospitalarios”.

Protección?

No entanto, esta proposión non de lei do grupo nacionalista bateu coa negativa do Partido Popular, que rexeitou apoiar tal exercicio informativo. En consecuencia, Rodil insistiu en saber se "a verdadeira razón para negarse a publicar os datos é protexer ás empresas que xestionan as residencias".

Neste sentido, foi moi crítica coa postura dos populares que, ao seu ver, “impide o acceso público á información” e mesmo falou de “ocultación”.

“Tardaron sete meses en publicar os datos en aberto da evolución da pandemia, despois de ser advertidos pola Valedora do Pobo de que estaban a vulnerar un dereito fundamental, o acceso á información pública", lembrou.

Porén, a “falta de transparencia” segue a ser a norma no que se refire ás residencias, chegando a rexeitar fornecer información mesmo a diversos medios de comunicación.

"O desprezo que amosan ao Parlamento e ao conxunto da cidadanía deste non ten límites", lamentou a nacionalista.