A Xunta media para que o Pazo de Lourizán sexa cedido a Ence

Imaxe: @defensadaria

A pasteira quer instalar aí un centro de investigación. A Deputación négase a avalar o proxecto e sostén que apoiaría o centro se fose da Xunta.

O vicepresidente do goberno, Alfonso Rueda, desprazouse Pontevedra acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, para interceder ante a Deputación de Pontevedra a favor de Ence. Rueda trasladou a Carmela Silva e César Mosquera, presidenta e vicepresidente da entidade provincial, a proposta da pasteira de investir 10 millóns de euros no Pazo de Lourizán, que en 1943 foi cedido a estado e  desde 1999 na Xunta. O proxecto, sinalou Rueda, supón o investimento de 10 millóns de euros, 5 millóns para rehabilitación e outros 5 para instalar un centro de investigación forestal.

Desde a Deputación amosaron o seu apoio a un centro de investigación nas instalacións, mais sempre que este fose da Xunta e non de Ence. “Colaboraremos coa Xunta nun futuro centro de I+D mais non avalaremos o proxecto de Ence para Lourizán”, manifestaron desde a Deputación. A entidade lembrou que no convenio para Lourizán, no que están Xunta e Deputación, figura entre as obrigas da Conselleria de Medio Ambiente "desenvolver na leira un proxecto ambiental que inclúa a investigación da xestión sustentábel do monte" e tamén "efectuar obras de conservación necesarias na zona nobre". Silva incidiu en que estarían encantados de “colaborar ao cen por cen” con ese proxecto ambiental que establece o convenio, “mais coa Xunta, non con Ence”.

César Mosquera, pola súa banda, dixo que a proposta que trouxo Rueda era "é unha especie de patrocinio, a cambio de deixarlle poñer a publicidade na camiseta" e considera que Ence o que realmente procura é lograr que se consolide a súa concesión.

Perto dun cento de persoas tomaron parte nunha concentración na que se rexeitaba a proposta de Ence para o Pazo de Lourizán e na que tomaron parte, entre outros Asociación en Defensa da Ría de Pontevedra e Adega.