A Xunta intervén a residencia de Salvaterra de Miño, con 110 contaxiados

Imaxe de arquivo dunha residencia de maiores
O número de positivos nos residentes duplicouse nas últimas horas

O Goberno galego anunciou a intervención da residencia xeriátrica Salvaterra, situada no concello de Salvaterra de Miño, que acumula un total de 110 contaxios: 84 residentes e 26 profesionais.

De feito, o número de positivos nos residentes duplicouse nas últimas horas, posto que esta segunda feira notificáronse 43 casos activos.

Coa decisión de intervir o centro xeriátrico, paso que xa deu en ocasións anteriores, o Executivo galego subliña que se reforzará o persoal.

Unha vez máis, a intervención da Xunta chega cando os casos de contaxios se 'disparan', non antes, como piden sindicatos e familias de usuarios

Unha vez avaliada a situación da residencia, as Consellerías de Sanidade e Política Social acordaron tomar esta medida co obxectivo de "garantir a calidade asistencial" e a "correcta protección" da saúde tanto dos usuarios do centro como dos traballadores.

Un equipo de profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde está xa desprazado no centro e ocúpase de facer un seguimento médico permanente sobre a situación dos residentes, así como de vixiar a correcta aplicación das medidas de prevención, seguridade e hicgiente fronte á covid-19 aprobadas pola Xunta.

Os profesionais do Sergas tamén velarán pola continuidade dunha atención sanitaria "adecuada" na residencia.

Os usuarios de residencias contaxiados con Covid-19 Aumentaron a 340.