A Xunta envía a Europa un informe no que ve "favorábel" a conservación do lobo na Galiza

Manda de lobos. (Foto: Ana Retamero)
Mantén o dato do censo que estimaba en 93 as mandas reprodutoras presentes no país e alerta dun rexistro "ascendente" de ataques do lobo ao gando.

A Xunta da Galiza remitiu esta sexta feira á Comisión Europea un informe sobre a situación actual do lobo no país e os impactos que se derivan da súa presenza en gran parte do territorio galego. Entre as súas conclusións, ratifica a conservación "favorábel" desta especie e un rexistro "ascendente" de avisos polos seus ataques, sobre todo a ovellas. O Goberno de Alfonso Rueda subliñou que responde así ao proceso de consultas aberto pola presidenta do organismo comunitario, Ursula von der Leyen, co fin de obter "información directa e actualizada" das poboacións desta especie, algo que xa reclamara previamente a Xunta após elevar o Goberno español o nivel de protección.

O documento, de máis de 40 páxinas e asinado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, divídese en dous anexos. No primeiro deles trasládase a información recompilada pola Xunta sobre o estado global de conservación do lobo na Galiza durante o período 2013-2018 e que xa fora remitida ao Goberno estatal en 2019 para a elaboración do informe sexenal solicitado pola UE a todos os estados membro, uns datos que, finalmente, "o Ministerio non chegou a incluír no seu informe".

Ademais, o informe inclúe as conclusións da última actualización do censo da especie no país, encargado polo Goberno galego e cuxos traballos se desenvolveron entre 2021 e 2022, estimando en 93 as mandas reprodutoras presentes no conxunto da Galiza —algunha delas compartida con outros territorios—.

Segundo precisa o devandito documento, o novo censo confirma e ratifica a principal conclusión da análise realizada para o referido informe sexenal, é dicir, que o estado de conservación do lobo na Galiza "é favorábel" e que "todo apunta a que presenta unha estrutura poboacional normal, autosostíbel e viábel a longo prazo". Nesta liña, aliás, apunta a unha distribución territorial da especie similar á detectada no censo correspondente ao período 2013-2015 e unha cifra de mandas similar e mesmo superior, mais por pouca diferenza —93 fronte ás 90 estimadas no estudo anterior— aplicando a mesma metodoloxía para a realización de ambas as análises.

Por outra parte, e en relación co segundo dos anexos, a Xunta céntrase neste apartado no impacto do lobo na Galiza, así como nas medidas adoptadas co fin de evitar ou minimizar os conflitos derivados da súa convivencia e coexistencia no mesmo territorio co gando. Neste senso, o informe achega datos detallados correspondentes ao período 2010-2022 que permiten ver, segundo a Xunta, "a evolución ascendente" dos avisos ao 012 por ataques atribuíbeis a estes animais, dos danos por tipo de cabana gandeira afectada e dos comportamentos e diferenzas en función de cada unha das provincias.

Así, e sendo con diferenza as ovellas os animais máis afectados polo lobo, o Executivo galego remarca tamén o caso de Lugo, que concentra gran parte do gando equino do país e onde chama a atención que case 21% dos exemplares danados no período de referencia foron cabalos.

Por último, o informe da Xunta inclúe unha relación das axudas convocadas con carácter anual no período 2016-2023 para evitar ou minimizar os efectos dos ataques do lobo sobre o sector agrogandeiro e a poboación residente no rural, por un importe total de 8 millóns de euros. En concreto, foron 4,21 millóns de euros mobilizados a través das ordes de subvención anuais destinadas a adquirir ou financiar diferentes métodos de prevención e outros 3,78 millóns de euros destinados a compensar os danos sufridos polo sector primario.

Razas autóctonas

A Xunta tamén informou de que esta semana a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse con representantes das asociacións galegas de razas autóctonas para informalos do proceso de consulta iniciado polos órganos comunitarios e trasladarlles que a Administración galega aproveitaría esta oportunidade para pór en coñecemento da UE "a realidade actual" das poboacións de lobo na Galiza.

Após escoitar a súa inquietude polos efectos que ten este animal, Belén do Campo incidiu na importancia de que as autoridades comunitarias mostren o seu interese e receptividade por coñecer, de primeira man, cal é a situación real en cada territorio. Tamén aproveitaron a reunión para falar das subvencións que pon a Xunta a disposición do sector gandeiro para facer fronte ao problema e aos efectos do lobo sobre este tipo de explotacións e analizar xunto con eles "o impacto positivo destas axudas, así como posíbeis suxestións ou melloras de cara ás convocatorias futuras".