A Xunta identificará os animais de compañía que aparezan mortos na vía pública para avisar os donos

O gasto das galegas en mascotas, tanto en alimentación como noutros servizos, incrementouse nos últimos anos .(Foto: María José López / Europa Press)
Os propietarios terán "a obrigación" de facerse cargo da xestión e tratamento dos restos das súas mascotas.

A Xunta da Galiza proporá unha reforma da lei galega de benestar animal para comezar a identificar os animais de compañía que aparezan mortos na vía pública, co obxectivo de poder avisar do pasamento aos seus donos.

Así o anunciou esta terza feira a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita realizada á protectora Gatocan, no concello de Coirós.

Vázquez incidiu en que o obxectivo deste cambio é "reforzar" a lei galego de protección e benestar animal, aprobada en 2017, para comprobar a identificación das mascotas que aparezan falecidas na rúa a través da lectura do microchip.

A modificación normativa, tal e como detallou a conselleira, farase a través da lei de acompañamento aos orzamentos do Goberno galego para 2023.

Tratamento e xestión do corpo

Desta maneira, após realizar a identificación do animal falecido, comunicarase a súa morte aos propietarios, que terán "a obrigación" de facerse cargo da xestión e tratamento dos seus restos.

Segundo explicou a conselleira, "de maneira que eles dean a despedida adecuada que todos queremos para o que consideramos a nosa familia".

A maiores, a reforma desta lei facilitará que os donos poidan comunicar ao rexistro a baixa da mascota e permitirá avanzar na investigación de posíbeis roubos.

Trátase dunha reivindicación de asociacións protectoras de animais de compañía, que levan anos incidindo na importancia do crecente vínculo que existe entre as mascotas e os seus donos.