A Xunta fechará un mínimo de 743 camas nos hospitais galegos durante o verán

Mobilización de SOS Sanidade Pública esta quinta feira en Burela, na comarca da Mariña. (Foto: Nós Diario)

SOS Sanidade Pública mobilizouse esta quinta feira en diversas localidades para reclamar unha solución á problemática das listas de agarda nos diferentes niveis sanitarios. A protesta coincide coa decisión do Goberno galego de fechar centos de camas hospitalarias durante a tempada estival.

Até 14 localidades galegas acolleron esta quinta feira mobilizacións para denunciar as elevadas listas de agarda nos diversos niveis sanitarios e demandar á Xunta da Galiza máis fondos para o sistema público de saúde. As protestas, convocadas pola Plataforma SOS Sanidade Pública, desenvolvéronse nas sete cidades galegas, excepto en Lugo, así como nos concellos de Burela (A Mariña), Cangas, Marín e Moaña (O Morrazo), Nigrán (comarca de Vigo), Ribeira (O Barbanza), Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa (O Salnés).

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou esta quinta feira desde Lugo o seu "respecto" ás persoas que participaron nas mobilizacións, mais indicou que non comparte "os motivos". Pola súa parte, o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, denuncia, en declaracións a Nós Diario, que "as listas de agarda son maiores que antes da Covid-19. En Atención Primaria, onde a espera non debería existir, o tempo medio de agarda é de sete días, podendo chegar a 15 días ou mesmo a un mes, cando antes dos recortes non superaban as 24 horas". Na mesma dirección, sinala que "en Atención Especializada as listas de agarda cirúrxicas medraron ao redor de 28%, situándose a espera media en 76,5 días, o que significa un aumento de 17,7% en relación a 2019".

Martín alerta de que a decisión do Goberno galego de "non cubrir as baixas por vacacións do persoal sanitario vai provocar unha redución dos servizos e da calidade asistencial nos centros de saúde". Ao tempo, criticou "o fechamento de camas nos hospitais durante a tempada estival", asegurando que "o feche de camas mantén e incrementa as listas de espera, onde temos un tapón, polo que sería o verán a época do ano ideal para reducir as listas”. Porén, o portavoz da plataforma acusa a Consellaría de "manter os hospitais semiparalizados" e de impedir que "o sistema hospitalario funcione de forma axeitada, ao non contar con medios para atender a xente que acode”.

As cifras

Segundo os datos aos que tivo acceso Nós Diario, o Goberno galego fechará un mínimo de 743 camas hospitalarias na tempada estival. Así, na área sanitaria da Coruña-Cee deixarán de funcionar 221 camas, das cales 27 están emprazadas no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, no distrito sanitario da Costa da Morte. Ao tempo, en tres dos catro centros hospitalarios públicos da Coruña fecharanse 194 camas: 50 no Hospital Abente Lago, 41 no Hospital Teresa Herrera e 103 no Hospital Universitario. Ademais, a Consellaría de Sanidade prevé deixar sen funcionamento ao redor de 40 camas na área sanitaria de Ferrol.

Por outra parte, a xerencia da área sanitaria de Compostela confirmou o feche de 111 camas hospitalarias. A redución afecta a servizos como Uroloxía, Medicina Interna ou a Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e concéntrase no hospital compostelán de Conxo, onde fican fóra de funcionamento 93 camas, e no Hospital Clínico Universitario de Santiago, con 18,  quedando excluíndo dos recortes o Hospital do Barbanza, emprazado en Ribeira. Neste caso, o membro da Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) Xosé Manuel Marcote advertiu do anuncio de "novos recortes para antes de que remate o mes".

Así mesmo, o Goberno galego fechará 174 camas na área sanitaria de Vigo. Segundo a información da xerencia, deixaranse fóra de funcionamento 114 camas no Hospital Álvaro Cunqueiro e 60 no Hospital do Meixoeiro, afectando os recortes a servizos como Cirurxía Xeral e Aparato dixestivo, Cardioloxía ou Pediatría. As autoridades sanitarias tamén acordaron fechar 63 camas na área de Pontevedra, das cales 53 están emprazadas nos hospitais da cidade e 10 no Hospital do Salnés, no concello de Vilagarcía de Arousa.

Por outra parte, 134 camas hospitalarias ficarán fóra de servizo na área sanitaria de Lugo: 68 no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, 38 no Hospital da Mariña, emprazado en Burela, e 28 no hospital de Monforte (Terra de Lemos), sendo o número de camas fechadas idéntico ao de 2024. Pola súa parte, a xerencia da área sanitaria de Ourense non oficializou aínda o número de camas que fechará, mais segundo puido saber Nós Diario de fontes da Consellaría, nesta anualidade, a diferenza da anterior, deixará fóra de funcionamento camas nos tres hospitais da área, emprazados en Ourense, O Barco de Valdeorras e Verín.

As queixas polo funcionamento do sistema sanitario chegaron esta quinta feira, tamén, da man de nove colectivos de persoas usuarias da sanidade pública, que denunciaron que nos hospitais do Sergas están a vulnerar a lexislación vixente en materia de fixación de citas das consultas externas. Entidades como a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, a Asociación Dano Cerebral Compostela, Fademga ou Mulleres con Endometriose alertaron de que "todas as axendas para consultas externas de todos os servizos permanecen fechadas", o "que pode afectar ao empeoramento do noso estado de saúde".

357.821 persoas están nas listas de agarda hospitalarias

Un total de 357.821 persoas facían parte das listas de agarda estruturais -as oficiais- do Servizo Galego de Saúde (Sergas) a finais de decembro de 2024, último mes con datos. Así, 48.335 homes e mulleres esperaban por unha intervención cirúrxica na Galiza, cuns tempos medios de agarda para o conxunto do país de 67,1 días, se ben en 11.667 casos superaban ese período de agarda. Os tempos de espera rexistraban diferenzas segundo as áreas sanitarias, sendo os máis elevados os da área sanitaria da Coruña, con 78,5 días, e os máis baixos os da área sanitaria de Lugo, con 47,5.

Os datos non son mellores na esfera das consultas hospitalarias. Neste sentido, 196.267 persoas esperaban por unha consulta hospitalaria nos centros públicos da Galiza. O tempo medio de espera situábase a finais de 2024 en 60,8 días, presentando os peores datos a área sanitaria de Ourense con 86,2 días e os mellores a área sanitaria da Coruña con 43. Ao tempo, 113.219 persoas agardaban a finais de 2024 por unha proba diagnóstica nos centros hospitalarios da Galiza. A maiores das persoas incorporadas ás listas de agarda estruturais atópanse aquelas que fan parte das listas non estruturais, que SOS Sanidade