A Xunta fechará 63 camas nos hospitais da área sanitaria de Pontevedra durante o verán
A xerencia da área sanitaria de Pontevedra fechará 63 camas durante a tempada de verán nos diversos centro de Atención Especializada da zona
As autoridades sanitarias deixaran fóra de funcionamento 53 camas nos hospitais de Pontevedra, sendo a especialidade de Medicina Interna a máis afectada polos recortes.
O recorte de camas avanzado para o Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa, é de 10. Neste caso, a redución de prazas hospitalaria concéntrase en Medicina Interna.
Os argumentos da Administración galega non convencen a usuarios e usuarias, persoal do Sergas ou colectivos en defensa da sanidade pública. Neste sentido, o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, apunta a Nós Diario que “o feche de camas mantén os hospitais semiparalizados e así non hai forma de rematar coas listas de agarda”.
Martín destaca que “o feche de camas mantén e incrementa as listas de espera, onde temos un tapón, polo que sería o verán a época do ano ideal para reducir as listas”.
O voceiro de SOS Sanidade Pública asegura que “a redución de camas e a falta de persoal impiden que o sistema hospitalario funcione de forma axeitada, ao non contar con medios para atender a xente que acode” aos mesmos.
“A ausencia de profesionais nos centros de Atención Primaria provoca no verán que moitos pacientes acudan Urxencias dos hospitais" destaca Martín, quen asegura que "isto o que provoca auténticos colapsos no sistema hospitalario”.
Aumento da poboación
Martín apunta que " non semella normal que se reduzan as camas hospitalarias nunha área sanitaria como a de Pontevedra cuxa poboación se incrementa de xeito considerábel nos meses de verán polos turistas".