A Xunta fechará 174 camas nos hospitais de Vigo durante o verán

Fachada do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

Os recortes volven aos hospitais galegos durante a tempada estival. A Consellaría de Sanidade anunciou o feche 174 camas hospitalarias na área sanitaria de Vigo para os meses de verán.

 

As autoridades sanitarias galegas anunciaron o feche de 114 camas no Hospital Álvaro Cunqueiro e 30 camas, no Hospital do Meixoeiro. A cifra é análoga á do pasado exercicio e está por riba de 2023.

O recorte de prazas anunciado para este verán dáse nun contexto de redución da oferta de camas hospitalarias públicas e concertadas na area sanitaria de Vigo, que nos últimos 15 anos caeu en 5,9%

Segundo o Sergas, o Goberno galego fechou nos hospitais vigueses 139 camas desde 2009, pasando de 2.365 nesa anualidade a 2.226 en 2022, último ano con datos, e concentrando nos mesmos o 19,8% de todas as camas eliminadas na Atención Especializada galega.

A área sanitaria de Vigo conta na actualidade con menos camas hospitalarias en funcionamento que antes da apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro en 2015, como consecuencia das políticas aplicadas polo Goberno galego.

O informe sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro presentado en xullo de 2024 polo Consello de Contas, sinala que “o obxectivo fixado na memoria de xustificación da necesidade do contrato era acadar 2.000 camas non Chuvi, mentres que ou maior número de camas instaladas non período fiscalizado foi de 1.366 camas non ano 2020”.

Críticas do BNG

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou esta segunda feira nun comunicado que esta decisión vai provocar a "masificación e saturación da atención sanitaria", nunha área con máis de 12.000 persoas en listas de agarda hospitalaria.

O voceiro do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, ironizou que "para o PP as viguesas e os vigueses non podemos enfermar durante o verán, nin temos dereito a unha atención sanitaria digna desde xuño até setembro".