A Xunta fecha unha vivenda de maiores en Xinzo por "deficiencias nos coidados"
O centro, de xestión privada, foi clausurado tras detectarse "serias carencias" no servizo. Os residentes foron trasladados a centros próximos.
A Xunta da Galiza efectuou esta terza feira o feche da vivenda de maiores San Gabriel, en Xinzo de Limia, logo de inspeccións nas que se constatara que sufría "deficiencias graves" nas atencións e nos coidados aos residentes.
As persoas aloxadas no centro foron trasladadas nas últimas horas por persoal da Cruz Vermella a outros centros próximos que dispuñan de prazas públicas, a excepción de un usuario, que foi atendido pola súa familia.
Na residencia San Gabriel vivían máis persoas das permitidas: atendía 15 persoas cando o centro só tiña capacidade para 10. Aliás, algúns deles presentaban graos de dependencia para os que a vivenda non estaba adaptada. Outros problemas detectados incluían irregularidades no coidado sanitario das e dos residentes e deficiencias na súa alimentación.
Desde a Consellaría de Política Social informaron de que se a decisión de fechar o centro tomouse de maneira "inmediata" para velar pola seguridade das persoas usuarias. Trátase do segundo centro destas características clausurado no que vai de mes, logo de que a Xunta fechara tamén a vivenda comunitaria Jardín, en Amoeiro (comarca de Ourense) após detectar tamén "faltas graves", como unha atención deficiente ás persoas maiores ou a situación irregular do persoal da residencia.