Fechada unha vivenda comunitaria de maiores en Amoeiro ao detectar unha inspección "irregularidades graves"

Instalacións da vivenda comunitaria Jardín. (Foto: Vivenda Comunitaria Jardín)
Na residencia comunitaria, de titularidade privada, residían seis persoas, que xa foron reacollidas en centros públicos.

A Xunta da Galiza vén de decretar o feche dunha vivenda comunitaria de maiores, de titularidade privada, no municipio de Amoeiro (comarca de Ourense) tras detectar inspección "irregularidades" na xestión e atención durante unha inspección recente, despois de que se presentase unha queixa.

Segundo fontes da Consellaría de Política Social, trátase da Vivenda Comunitaria Jardín, onde residían seis persoas que, tras ser informadas as familias, xa foron reacollidas en centros públicos, cinco delas en Monforte de Lemos e outra na residencia Nosa Señora dos Milagres, en Barbadás (comarca de Ourense).

En concreto, as mesmas fontes do Executivo galego sinalaron que a inspección realizada nas instalacións comunitarias, en funcionamento desde hai 12 anos e con nova xerencia desde hai tres, detectou erros no protocolo de atención e limpeza.

Desde a Consellaría sinalaron que todos os residentes atópanse en bo estado e que foron trasladados acompañados por persoal da Administración galega en coordinación coa Cruz Vermella.

Ademais, desde a Xunta da Galiza sinalan que o feche da vivenda comunitaria será "inmediato", insistindo que é unha medida que se toma pondo "o foco no benestar de maiores e residentes".