A Xunta estende as restricións a Pontevedra e Ponteceso e levántaas en Arteixo e Santa Comba

Un bar de Lugo (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press).

Os municipios de Pontevedra e Ponteceso súmanse ás medidas restritivas decretadas pola Xunta para frear a expansión da Covid-19 e que se manteñen unha semana máis nos concellos de Compostela, Ourense, Carballo e A Laracha, así como en parte da Coruña.

Así o acordou unha reunión do comité clínico de expertos que presidiu esta cuarta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo e que, entre outras cousas, estendeu a obrigación de utilizar máscara a todos os ximnasios da Galiza e incrementou de 50 ao 75% a ocupación máxima de terrazas en áreas con restricións.

En concreto, os expertos recomendaron estender o uso obrigatorio de máscara de protección en todo momento dentro dos ximnasios a toda Galiza, unha medida que desde a pasada semana xa estaba activa naqueles municipios afectados por restricións, tras detectarse dous brotes vinculados a este tipo de estabelecementos -en Compostela e en Arteixo-.

Así mesmo, permitirase incrementar de 50 ao 75% a ocupación das terrazas naquelas zonas con restricións especiais, onde non está permitido o consumo en barra e o aforamento interior de hostalaría, restauración, estabelecementos comerciais ou bibliotecas, entre outros, debe limitarse ao 50%.

Nestas áreas continúan limitadas a un máximo de 10 persoas as reunións en vías públicas ou en estabelecementos de hostalaría, ademais de reducir a capacidade de celebracións, lugares de culto e velorios e manter o peche de centros de día e de visitas a residencias.

As restricións mantéñense unha semana máis nos municipios de Santiago, Ourense, Carballo e A Laracha, así como en Lugo, onde o comité decidiu levantar, no entanto, as limitacións especiais ao barrio da Milagrosa, que terá as mesmas indicacións que o resto da cidade.

Tamén se mantén en parte da Coruña, aínda que a evolución epidemiolóxica fai que se levanten restricións nalgúns barrios. Tamén saen Arteixo e Santa Comba, e incorpóranse Pontevedra e Ponteceso.

Por outra banda, o Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 da Coruña ratificou hoxe as medidas restritivas de dereitos fundamentais aprobadas pola Xunta o pasado 2 de setembro nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada. O Xulgado do Contencioso-administrativo número 4 da Coruña tamén ratificou as medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do coronavirus nos concellos da Laracha e Carballo, en todos os casos relacionadas co dereito de reunión.