Medio Ambiente

139 bandeiras azuis ondearán este verán na Galiza: son garantía de calidade ambiental ou unha estratexia de márketing?

Alfonso Rueda izando a bandeira azul dunha praia en Arteixo, esta segunda feira. (Foto: David Cabezón)
A Xunta gábase de que o elevado número de distincións aos seus areais acreditan o "compromiso" do país coa conservación natural e consolídano como "referente do turismo seguro e sustentábel". Porén, as bandeiras azuis son un controvertido 'premio' outorgado por unha entidade privada.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta segunda feira que as 139 bandeiras e distintivos azuis que recibe este ano Galiza acreditan o "compromiso" do país coa conservación do patrimonio natural e consolídano como un "referente do turismo seguro e sustentábel". Durante a entrega dos distintivos deste ano, celebrada en Arteixo (A Coruña), Rueda subliñou que Galiza é "a terceira comunidade do Estado con máis bandeiras azuis" e lembrou que "unha de cada cinco praias" con este distintivo é galega.

Este ano son, en concreto, 113 areais, 12 portos deportivos e 14 centros azuis —aulas do mar ou da natureza— os que conseguiron bandeira ou certificado azul pola calidade das súas augas, a xestión ambiental e os servizos ofrecidos. Logran por vez primeira este distintivo as praias de Caranza (Ferrol) e O Atrio (Vigo) e recupérano a praia de Rodeira (Cangas) e o porto de Pedras Negras (O Grove).

Ademais, Galiza conta con até 35 carreiros con bandeira azul que a sitúan como o territorio do Estado español con máis camiños que conseguen esta distinción. Segundo trasladou a Xunta, o presidente galego resaltou que conseguir e manter estes galardóns é un "traballo conxunto entre as administracións" e subliñou "a importancia" que teñen estes distintivos como reclamo turístico.

"Nun mundo cada vez máis globalizado, onde a xente busca máis información á hora de elixir unha praia ou onde pasar as vacacións, é moi importante contar con indicios fiábeis como son as bandeiras azuis", precisou Rueda, que tamén insistiu en que conseguir esta distinción supón "un esforzo importante" para cumprir "cos criterios rigorosos" do proceso, se ben "paga a pena". "Temos un tesouro que coidar entre todos", dixo, defendendo que "Galiza está de moda" e que se debe "traballar para que non sexa unha moda pasaxeira".

Controversia

As bandeiras azuis naceron no ano 1982 a cargo da Fundación Europea de Educación Ambiental (FEE), unha organización privada e non gobernamental que decidiu crear este logotipo para premiar as praias e portos deportivos europeos con "maior calidade ambiental", coa subvención da Comisión Europea. É dicir, que non son un selo proporcionado por un organismo público, senón que proveñen dunha institución privada, con sede en Dinamarca, cuxo xurado valora as praias candidatas cada ano e determina cales son as privilexiadas que merecen tal título.

No Estado español é a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) a encargada de xestionalas, e diferentes colectivos ecoloxistas denuncian que as bandeiras azuis entréganse sen a realización previa de ningunha inspección ou avaliación rigorosa do estado medioambiental dos lugares. De feito, só se analiza a presenza de servizos que se lles ofrecen ás persoas bañistas como latrinas, aparcadoiros ou postos de socorrismo, mais non a  calidade do areal propiamente dito.

No referido á Galiza, varios informes demostraron en 2020 que certas praias non deberían ser aptas para o baño polos elevados niveis da bacteria E.coli; algunhas destas praias son as de Orzán, As Lapas, Mera ou Naval, entre outras. Con todo, estes areais non só están abertos aos bañistas senón que varios deles contan mesmo co selo da bandeira azul, o que demostra, dunha forma evidente, a ineficacia desta distinción. Neste senso, concellos como Nigrán e Baiona renunciaron catro anos atrás a esta distinción, alegando que non atraía o turismo nin tampouco garantía unhas condicións de salubridade das que, afirmaba o consistorio nigranés, xa gozaban os areais antes da bandeira.

Colectivos ecoloxistas como Adega téñense pronunciado contra as bandieras azuis: "A función deste distintivo non é conservar os valores naturais das praias, polo que a cidadanía non debería trabucarse: a bandeira azul, non é garantía dun litoral ecolóxico, natural e ben conservado. É unha marca publicitaria". Unha "estratexia" de márketing que, lonxe de garantir o bo estado de conservación, xustifican desde o movemento ambientalista, provoca en moitos casos a "masificación" das praias.