A Xunta di que está disposta a administrar as segundas doses de Astrazeneca se hai subministración

Punto de vacinación habilitado na Cidade da Cultura de Compostela (Foto: Arxina).

Sergas preguntará ao Ministerio de Sanidade se hai "garantías" e fica pendente da decisión final da comisión de saúde pública

 

O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, manifestou que Galiza está disposta a administrar as segundas doses de  Astrazeneca aos galegos e galegas menores de 60 anos que recibiron a primeira a condición de que se garanta a subministración para os maiores desa franxa de idade que recibiron a primeira (e para os cales está admitida a segunda dose).

En declaracións aos medios na súa visita á Feira Internacional de Turismo, Feixoo explicou que a decisión adoptarase no seo do comité clínico e que, en "última" instancia, dependerá de se o Ministerio de Sanidade garante se hai doses "non só para os maiores de entre 60 e 69" anos, senón para aqueles que se lles administrou antes e que, na súa maioría, pertencen a colectivos declarados esenciais.

 Segundo datos da Consellería de  Sanidade, hai máis de 60.000 galegos nesta situación -no seu día o titular de departamento galego indicou que esenciais eran ao redor de 60.000-.

"Nós imos seguir as recomendacións da  EMA, que é a máxima autoridade farmacolóxica", apuntou Feixoo, quen lembrou que a axencia europea avala as segundas doses coa fórmula británica para os que recibiron a primeira, como así se inclúe na ficha técnica.

A comisión de saúde pública aprobou esta terza feira, cun resultado axustado, que os cidadáns do Estado español que recibiron a primeira dose de  Astrazeneca e sexan menores de 60 anos, sexan  inoculados cunha segunda vacina de tecnoloxía ARN mensaxeiro -Pfizer, fundamentalmente, ou Moderna-.

Feixoo dixo que se vai "valorar a posibilidade de cambiar a vacina ou mantela" no seo do comité clínico, mais o que primeiro preguntará ao departamento que dirixe Carolina  Darias é "se garante a subministración" de  Astrazeneca. "Se non nos fornece (as doses), esa cuestión non a imos valorar", engadiu, quen insistiu en que o que "ten claro" a Xunta é que a ficha técnica si avala administrar a pauta completa e hai países que o fixeron.

Pola súa banda, o conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña, explicou que a decisión sobre as segundas doses da vacina para os menores de 60 anos que recibiron unha primeira de  Astrazeneca aínda non está pechada definitivamente no relativo á voluntariedade para recibir a mesma fórmula, polo que, na liña que dixo o presidente, o Sergas esperará á información definitiva na próxima comisión de saúde pública. Iso si, Galiza mantense na postura a favor de  inocular a segunda dose da mesma marca aos que recibiron xa unha primeira inxección.