A Xunta destina 240.000 euros á produción da serie de televisión sobre Amancio Ortega

Amancio Ortega, fundador de Inditex.

‘O home de Zara’ emitirase en Amazon Prime.

A Xunta apoia con perto de 240.000 euros o proxecto de Ficción Producións para levar á televisión a vida de Amancio Ortega na serie O home de Zara, que acaba de ser adxudicataria dunha subvención da Administración galega.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado do director da Agadic, Jacobo Sutil, reuniuse cos responsábeis da compañía compostelá,  Mamen Quintas e Julio Casal, para coñecer de primeira man os detalles do seu proxecto, que están a desenvolver xunto a  Amazon Prime Vídeo para a súa emisión nesta plataforma.

O ourensán Norberto López Amado será o director da serie, que, ao longo de oito capítulos, ofrecerá un percorrido pola traxectoria vital e empresarial de Amancio Ortega, inspirado na biografía escrita pola xornalista  Covadonda O' Shea a partir das súas conversas co fundador de Inditex.

Os capítulos, que se rodarán maioritariamente na Galiza, atópanse actualmente en fase de  preprodución. Tamén para estes traballos previos, Ficción contou con apoio da administración galega como adxudicataria en 2015 dunha das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega.

Co 'O home de Zara', a produtora galega repite alianza con  Amazon Prime Vídeo despois de levar a cabo a produción internacional '3 Camiños', que ten previsto a súa estrea a principios de 2021. 

Neste caso, a Xunta foi a principal impulsora do proxecto, cunha subvención de 1,5 millóns de euros a través dunha convocatoria específica para o sector audiovisual galego.