A Xunta desprotexe a favor de Altri uns terreos para os que reclamara unha maior preservación previamente

Lagoa de Quintas, dentro dos terreos que se verían afectados pola macrocelulosa de Altri na comarca da Ulloa. (Foto: Juan Mañá)
A zona na que se ía instalar a celulosa e onde se retirou a protección ambiental figura na última proposta para ampliar a Rede Natura.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) constatou, nunha sentenza que avanzou en exclusiva Nós Diario e na que estima un recurso presentado pola asociación ecoloxista Adega, que a Xunta da Galiza retirou, sen a xustificación debida, a protección ambiental aos terreos nos que a multinacional lusa Altri —a través da sociedade Greenfiber— prevía instalarse na comarca da Ulloa. Unha resolución do Goberno galego relativa á Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas eliminaba da relación de lugares protexidos a zona de amortecemento situada no mesmo emprazamento no que se despregaría a macrocelulosa en Palas de Rei. A decisión, contra a que cabe recurso de casación, obriga a Xunta a restituír a protección neses terreos.

Estas mesmas parcelas que a Xunta desprotexeu en favor da instalación de Altri eran merecedoras dunha maior protección segundo o propio Goberno galego, que as incluíu na súa última proposta de ampliación da Rede Natura, presentada en 2011 polo Executivo que presidía Alberto Núñez Feixoo e que permanece paralizada desde entón. "Esa proposta está esquecida nalgún caixón da Administración galega", critica en declaracións a Nós Diario Serafín González, investigador científico do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a entidade que en febreiro de 2025 denunciou publicamente a desprotección destes terreos, unha retirada da protección ambiental que Adega levou ante a xustiza.

A petición de que estas parcelas de Palas de Rei pasasen a facer parte da Rede Natura responde, para este científico, a que esa zona abrangue especies e hábitats "relevantes" e "de interese". Nesta liña, os departamentos de varias facultades das universidades de Santiago e de Vigo advertían o pasado mes de xuño nun manifesto conxunto que a área proposta para a instalación da fábrica "é ambientalmente moi sensíbel [...] limita coa zona de especial conservación (ZEC) da Serra do Careón, que alberga diversas especies de flora e fauna únicas que se verían gravemente afectadas".

Galiza é a comunidade do Estado con menos territorio na Rede Natura: só 12% da superficie galega está sometida a esta protección. No conxunto do Estado español é 27%. Para Serafín González, o feito de que un goberno pase de solicitar unha blindaxe ambiental como a Rede Natura para uns terreos a retirarlles a eses mesmos terreos o amparo da Estratexia galega da infraestrutura verde ten Altri como resposta. "Mutilaron a infraestrutura verde e sacaron estes terreos de aí en favor de Altri", indica este doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago. "Como en moitas outras cuestións, a Administración ambiental da Xunta fai calquera cousa agás defender o medio ambiente", apunta, e conclúe mostrando a súa "satisfacción" pola sentenza do TSXG.

Desde a Consellaría de Medio Ambiente responderon onte, a preguntas de Nós Diario, que o que recorreu Adega é un “documento estratéxico previo que serviría de base para a futura identificación, declaración e cartografado oficial da infraestrutura verde na Galiza”. O departamento que dirixe Ángeles Vázquez afirma que “non se invalidan delimitacións nin declaracións definitivas, pois aínda se está coa primeira liña estratéxica que é de seleccionar e aprobar os espazos que se incluirán finalmente na infraestrutura verde”. Por último, apunta que “o mecanismo axeitado para garantir a protección das distintas zonas naturais é a avaliación ambiental dos proxectos”.

"Prevaricación ambiental"

Luís Bará, viceportavoz do BNG no Parlamento galego, indica a Nós Diario que a sentenza do TSXG "é un exemplo claro de que había unha decisión política e non técnica de que había que autorizar Altri". O portavoz nacionalista de Industria na Cámara galega considera que esta "decisión política" explica "todas as irregularidades" que afirma que se cometeron para favorecer a instalación da macrocelulosa na Ulloa. Para Bará, este “cambio chamativo” e “sospeitoso” na protección dos terreos constitúe  un claro exemplo de “prevaricación ambiental”.

Patricia Igrexas, portavoz de Industria do PSdeG no Parlamento, anunciou onte que vén de rexistrar unha pregunta na Cámara para exixir á Xunta que se pronuncie de maneira "clara e definitiva" sobre o proxecto de Altri, despois de que este medio publicase a sentenza do TSXG.  Para a deputada socialista, esta resolución xudicial evidencia que a Xunta "achandou o camiño ao proxecto debilitando a protección ambiental nunha zona directamente afectada pola implantación industrial".

Nós Diario púxose en contacto co Partido Popular para solicitar unha valoración da resolución do TSXG, mais ao feche desta edición non se recibira resposta. Pola súa parte, representantes de Adega comparecerán hoxe publicamente para dar conta polo miúdo desta sentenza.

A Coordinadora 'Altri Non' di que aínda falta "o golpe de graza"

A Coordinadora 'Altri Non' considera que o anuncio de arquivo do proxecto da macrocelulosa de Altri na Ulloa é un "triunfo indiscutíbel e histórico da vontade do pobo galego, dunha mobilización social permanente e da defensa decidida do territorio galego fronte aos intereses do capitalismo, da industria depredadora e dun Goberno do PP sometido absolutamente ao ditado do capital". Os colectivos e entidades que conforman a coordinadora reuníronse esta semana para facer unha valoración conxunta do anuncio do arquivo do proxecto. De primeiras, a coordinadora atribúe a causa da "tan agardada derrota" de Altri á "contundente" resposta de repulsa e á participación masiva do pobo galego en todas as mobilizacións convocadas ao berro de "Altri Non", así como "á súa determinación inquebrantábel de chegar até o final para impedir o proxecto". 

Porén, a coordinadora cualifica esta vitoria como "inconclusa", xa que o arquivo do proxecto aínda non se fixo efectivo. Para iso, a Xunta da Galiza debe resolver a denegación tanto da autorización ambiental integrada (AAI) do proxecto como do expediente de concesión de augas. "Mentres isto non aconteza, a macrocelusosa aínda representa unha ameaza para o noso país", afirma.