A Xunta contacta cos hosteleiros para habilitar hoteis próximos a hospitais en caso de necesidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).
O presidente da Xunta volveu reclamar o Executivo estatal "máis medios de protección" para as profesionais que están a traballar estes días no ámbito público para loitar contra a extensión do coronavirus. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, compareceu esta cuarta feira despois de presidir unha nova reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), para detallar a habilitación de "máis medidas e máis persoal" para "ofrecer a mellor resposta a todos os niveis" centrada na contención do coronavirus

“É necesario seguir habilitando medidas para a contención do virus, intentando aprender da experiencia doutros países e rexións”, explicou Feixoo, incidindo en que este obxectivo foi o que se marcou na reunión do Cecop. A continuación desta xuntanza tivo luga o Consello da Xunta no que se aprobou finalmente o decreto que deixou sen efecto as eleccións do 5 de abril

Entre as medidas adoptadas no ámbito sanitario, o presidente galego destacou que o centro de coordinación está a definir hoteis aptos e accesíbeis para asumir hospitalización en caso de ser necesario. “Xa temos contactado coas seis federacións de hostaleiros da Galiza para cotexar as dispoñibilidades dos estabelecementos máis adecuados, tanto por accesibilidade, como por tamaño, distribución e proximidade aos diferentes centros sanitarios máis importantes”, precisou. 

Nesta mesma liña, resaltou que os centros sanitarios privados, así como o seu persoal, póñense a disposición do operativo sanitario, dando a instrución de reprogramar nestes hospitais privados a actividade non urxente para que teñan dispoñibilidade e espazo. Ademais de poñer tamén a disposición do 061 as ambulancias, os equipos e os recursos humanos de todas as empresas de transporte sanitario na Galiza, como xa anunciara onte o conselleiro de Sanidade. 

Por outra banda, o Cecop traballou no incremento dos efectivos para colaborar nas labores de contención e de asistencia ante a emerxencia, colaborando e coordinándose coas Forzas e Corpos de Seguridade, coas Policías Locais, cos efectivos de Protección Civil e co Exército. A respecto disto, Feixoo informou da posibilidade de que os concellos poidan reforzar as súas plantillas de Policía local, a través dun procedemento específico e simplificado, con 120 auxiliares da lista de contratación existente tras a realización das convocatorias unificadas; e mesmo de poder contratar ao persoal que aprobou as convocatorias pero que se atopaba sen praza. 

Como medida novidosa, Feixoo destacou que o persoal do servizo de extinción de incendios poderá colaborar na asistencia e na loita contra a extensión do virus, especialmente no ámbito do rural galego. “Evidentemente, a función principal e prioritaria destes profesionais seguirá a ser a loita contra o lume, pero dado o momento no que nos atopamos, poderán tamén colaborar en funcións como é a vixilancia de zonas do rural, camiños e pistas para garantir que se cumpre o confinamento; e auxiliar a persoas que viven en lugares de difícil acceso e facerlles chegar víveres ou material sanitario”, detallou. 

"Máis medios e máis persoal"

“En definitiva, estamos a falar de máis medios e máis persoal”, dixo, resaltando que na reunión do Cecop constatouse, unha vez máis, que a necesidade máis perentoria é a de material sanitario

“Volvemos poñer enriba da mesa a necesidade de equipos de protección individual para centros sanitarios e ambulancias, para residencias da terceira idade e centros de discapacidade con internamento, para persoal de servizos de emerxencias e de Protección Civil e para os operarios do servizo de recollida e tratamento de residuos”, citou o presidente galego, entre outros moitos colectivos que están traballando, "día a día e a reo", na loita contra o coronavirus e que precisan de "medios para facelo coa máxima garantía e seguridade". 

Neste sentido, e aproveitando a presenza do delegado do Goberno estatal na xuntanza, Feixoo fixo fincapé en que o Executivo de Pedro Sánchez é a única autoridade competente para distribuír este material