A Xunta concentrará aos menores migrantes non acompañados nun centro en Monforte de Lemos

Edificio de Monforte de Lemos onde a Xunta vai concentrar aos menores migrantes non acompañados. (Foto: Nós Diario)

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou que Monforte de Lemos acollerá o primeiro centro específico para menores estranxeiros que se abrirá na Galiza.

Fabiola García sinalou que o centro onde a Xunta da Galiza concentrará menores migrantes non acompañados estará emprazado no edificio Francisco Suárez que a ONG Prodeme ten no municipio de Monforte de Lemos.

García, quen visitou na mañá deste sábado as instalacións acompañada do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rei, e do xerente de Prodeme, Julio Cortiñas, destacou que o centro ten capacidade para albergar 80 persoas".

"Estas son as primeiras 80 prazas específicas que a Xunta se ve obrigada a crear", afirmou García, quen recoñeceu que este modelo de concentrar os menores migrantes non acompañados "rompe definitivamente o sistema de protección integrador da Galiza".

Críticas da oposición

A decisión de mudar a rede actual de acollemento de menores migrantes non acompañados da Xunta da Galiza para concentrar estas persoas nun centro específico foi xa rexeitada polos grupos da oposición.

A parlamentaria do BNG Ariadna Fernández acusou o Executivo de Alfonso Rueda de crear "ghetos para os nenos, as nenas e os adolescentes migrantes non acompañados" e de "usar o seu sufrimento como arma de confrontación política partidista".

A deputada socialista Silvia Longueira argumentou que "a negativa do Partido Popular a participar na acollida solidaria de menores migrantes na Galiza só pode explicarse por posturas racistas ou xenófobas” e pola súa “alianza coa extrema dereita".

Sumar manifestou, tamén, "o rexeitamento rotundo á intención da Xunta da Galiza de crear un centro específico para menores migrantes non acompañados". A este respecto, o secretario xeral da formación na Galiza, Paulo Carlos López, acusou a Xunta de disfrazar como “solución” o que é “unha manobra segregadora".