A Xunta axiliza os trámites da dependencia a conta de "prescindir" da valoración presencial
Catro meses e medio de aplicación do novo procedemento aprobado pola Xunta da Galiza coa promesa de reducir as listas de agarda en dependencia e discapacidade son suficientes para a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (Asaded) para constatar que esta nova norma é "unha chapuza". Así de rotundo se expresou esta segunda feira Francisco Vizoso, ex xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra e un dos portavoces des colectivo.
O tempo de espera para ser valorado sitúase en 393 días, o duplo do legalmente estabelecido e unha semana máis que cando o presidente galego, Alfonso Rueda, anunciou en decembro o novo procedemento. Mais non é só este agravamento nas listas de agarda o que preocupa a dependentes e familiares, indica a Asgaded. Co novo procedemento de valoración, denunciaron esta segunda nunha comparecencia en Compostela, estase a reducir "a calidade das valoracións". De feito, apuntaron tanto Vizoso como Margarida Prieto, familiar e coidadora dunha persoa dependente e tamén portavoz da asociación; as valoracións ou avaliacións presenciais para determinar o grao de dependencia ou de discapacidade están a deixar de ser presenciais.
"Estanse a facer chamando por teléfono", critica Prieto, mentres que Vizoso se pregunta "como un tema tan delicado, do que van depender as axudas ou servizos que recibas, se fai de forma non presencial?". "Como se poden valorar cuestións como a mobilidade ou o autocoidado por teléfono?", insiste.
Esta organización apunta a que a propia lei estatal, "e tamén a norma galega antes deste novo procedemento", xustifican a valoración non presencial só en casos concretos e excepcionais. Mais desde a Asgaded afirman que o habitual está a ser, precisamente, o procedemento non presencial. Así pois, critican, o Goberno galego está a apostar por axilizar os trámites de valoración a conta de "prescindir" de que as necesarias avaliacións sexan presenciais.
Homologación
Co procedemento en vigor desde o 1 de xaneiro créase unha homologación por equivalencia entre os graos de dependencia e discapacidade. Así, o grao I de dependencia, 33% de discapacidade; o grao II, 66% e o grao III, 100%. A xuízo deste colectivo, estas dúas homologacións (grao II e III) son unha "barbaridade". "É unha homoxeneización automática, sen base técnica" e que xera "inxustizas", denuncian.
Margarida Prieto pon exemplos destas situacións. "Unha señora de 98 anos, con 66% de discapacidade e grao I de dependencia co novo procedemento de homologación tería 33% de discapacidade en vez de 66%, polo que non tería mobilidade reducida". Hai "múltiples irregularidades", denuncia.
Aos recortes de valoracións presencias e as consecuencias das homologacións, este colectivo engade unha terceira consecuencia que constataron nestes meses de vigor do novo procedemento de valoración. Hai unha mudanza nos tramos de idade para a tramitación prioritaria, que até entón incluían as persoas menores de 18 anos de idade. Isto xa non vai ser así. Desa faixa de idade fican só como prioridade as de menos de tres anos, excluíndose ás de entre catro e 18. "Moitos dos síntomas non aparecen antes dos tres anos", afirma Prieto, que indica que deixar fóra da prioridade aos de entre 4 e 18 é un erro pois é unha faixa onde ter tempo é ter recoñecemento de discapacidade a nivel escolar e laboral é esencial é fundamental para poder actuar. Pasan a ser prioritarias as persoas entre 80 e 90 anos.
Privatización
O novo proceso tamén abre a porta "á privatización" da xestión destes procesos, afirma esta asociación. "Ábrese esta posibilidade coa intervención ás mutuas", afirman en pasos como "a emisión do informe de condicións de saúde" da persoa que solicita o recoñecemento da dependencia ou discapacidade.
"Retirada inmediata"
En base a todas estas eivas, a Asociación galega na defensa do sistema público de dependencia e discapacidade reclama á Consellaría de Política Social que proceda á "retirada inmediata" do procedemento que aprobou en decembro de 20024.
O único aspecto desa nova norma que entenden que "se axusta ao marco legal vixente" é o da determinación dos criterios de gravidade para as tramitacións prioritarias. O resto, reiteran, debería retirarse.
A "única vía" que sosteñen desta organización —e que vai en consonancia co que demandan desde hai anos os sindicatos e as asociacións de familiares de dependentes— que garaniría medidas de apoio ás persoas dependentes ou con discapacidade e que permitiría superar a "cronificación" das listas de espera é a de dotar de máis persoal e medios os equipos de valoración.
A cifra ofrecida este mes pola Xunta da Galiza de que con este novo procedemento resolvéronse ao redor de 32.000 expedientes non convence o colectivo en defensa do sistema público de dependencia e discapacidade. "Parécenos moi raro ese volume de valoracións", apuntou Prieto, que, porén, centrou as críticas en como o procedemento se está a desenvolver en base á non presencialidade de boa parte das valoracións.
Nace a Plataforma galega por unha atención digna á dependencia
Compostela acolleu esta segunda a reunión constitutiva da Plataforma galega por unha atención digna á dependencia, unha iniciativa que esta segunda feira reuniu asociacións de dependentes, sindicatos como CIG, CUT, CCOO e SLG, representantes de colexios como o de Traballo Social ou Psicoloxía e de organizacións políticas como BNG, PSdeG e Sumar.
Na xuntanza fíxose entrega dun manifesto fundacional, que as entidades e organizacións asistentes ao encontro procederán a valorar. "O novo procedemento de valoración da dependencia que entrou en vigor en xaneiro empeorou a situación da dependencia", sinala a Nós Diario David Gontán, un dos portavoces da Plataforma. "O novo decreto da Xunta non veu mellorar as cousas, malia afirmar que se ían reducir as listas de espera os primeiros datos indican que iso non aconteceu", indica Gontán. Susana Méndez, outra das portavoces, indica a este medio que a situación da dependencia na Galiza é "preocupante", non só no que atinxe á valoración das persoas senón tamén á xestión, a falla de recursos ou a escaseza de persoal. "Estamos falando dun tema que afecta de maneira importante e directa a moita xente", salienta Méndez.
Un dato que exemplifica a situación é que entre 2020 e 2024 faleceron na Galiza 1.997 persoas mentres estaban nunha lista de espera de dependencia, oque supón unha medida de case 10 cada semana. Son datos do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), adscrito ao Ministerio de Asuntos Sociais. En 2024 o número de falecidos foi de 345.