A Xunta aplica restricións pola Covid-19 en Vilagarcía e no Milladoiro

Imaxe do Barrio da MIladrosa (Europa Press)
A Xunta estendeu esta cuarta feira as restricións vixentes en varios municipios galegos a novas localidades, como son o concello de Vilagarcía e a zona do Milladoiro, na contorna de Compostela (municipio de Ames), e implantou as medidas especiais do barrio do Couto de Ourense noutras rúas da cidade.

Desde a medianoite, Ourense ve ampliada a súa área de limitacións especiais, xa vixentes nas rúas Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e avenida de Portugal. Tras a reunión do comité clínico que asesora o Sergas na xestión dos abrollos do coronavirus, estas medidas impóñense tamén no espazo delimitado polas rúas Progreso (desde a Ponte Romana até o cruzamento coa rúa Praza de Abastos), Irmáns Xesta, avenida de Portugal, Camiño  Lobisome, Salto  do Can, Carballo, Sobreira e a nacional 525 –desde o cruzamento coa rúa  Sobreira até a Ribeira Sacra–. Tamén rexe na avenida Ribeira Sacra até a Ponte Romana.

Esas limitacións de maior intensidade, que no seu día afectaron o barrio lucense da Milagrosa e o municipio de Arteixo, implican –ademais das restricións xenéricas– a redución a té un máximo de cinco persoas das reunións en espazos públicos ou nos grupos na hostalaría, e a prohibición para bares e cafetarías de antender no interior dos locais. 

Continúan sen cambios as prescricións impostas para Compostela, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e Verín, onde persiste a vixencia das limitacións estabelecidas por Sanidade perante a maior incidencia da enfermidade. Así mesmo, o comité sanitario decidiu manter as que están a operar desde hai semanas en determinados barrios da Coruña.

Nestas áreas estará vixente a limitación de aforos ao 50% en estabelecementos comerciais, de restauración ou de hostalaría, así como a redución en celebracións, velorios e lugares de culto. En hostalaría está prohibido o consumo en barra e as reunións limítanse a 10 persoas como máximo.

A actualización das medidas para frear a expansión do virus están vixentes desde hoxe, após a súa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Segundo indican desde a Xunta, as limitacións volveranse revisar nunha semana.