A Xunta anunciou prazas de veterinaria sen ter resolto a convocatoria anterior

En 2018 presentáronse case 800 persoas aos 55 do corpo de veterinarias da Administración pública (Imaxe: Xunta da Galiza).
Opositoras denuncian que as listas non se actualizaron

A opositora Alejandra Pérez agarda desde hai meses a que a Xunta da Galiza actualice as listas de persoal do corpo de veterinarias. "Chamo practicamente todos os días a Función Pública, mais nunca me aclaran cando se van resolver", denuncia en declaracións a Nós Diario. Pérez participou dun proceso selectivo para optar a unha praza deste corpo, da categoría A1, celebrado en 2018.

Esta opositora censura que a Xunta decidise publicar unha nova convocatoria, a cuarta desde 1993, cando os resultados da de 2018 aínda non se traduciron nunha actualización das listas. "Hai persoas que aprobaron que non tomaron a súa praza, e quen aprobamos mais ficamos fóra seguimos esperando a que se actualicen", di.

800 aspirantes e 55 prazas

O 20 de maio de 2018 o recinto feiral de Silleda acolleu as probas de acceso a 55 postos do grupo A1 na categoría de veterinarios da Administración Pública. A Xunta conta con este persoal nos servizos veterinarios ou de calidade alimentaria nas Consellarías de Medio Ambiente, Sanidade, Mar ou Medio Rural. 

O proceso selectivo fora anunciado en marzo de 2017 e case 800 aspirantes foron admitidas para participar. Esta foi a terceira convocatoria pública de emprego para o corpo de veterinarias. As anteriores remóntanse a 1993, as primeiras, e 2005, as segundas. "As listas de interinidade son moi longas", apunta Pérez.

O camiño á celebración da fase da oposición contou con varias paradas. Entre elas, os atrasos na fixación da data ou a configuración errónea do tribunal, imputado polos sindicatos tras constatar que tres das súas cinco integrantes eran funcionarias, cando a normativa fixa un máximo de 50% na composición.

Nerea Suárez comezou a estudar en 2015. "Saquei unha boa nota na fase da oposición, mais na de concurso fiquei fóra das listas porque había xente con moita experiencia acumulada", explica a Nós Diario. A día de hoxe, traballa na Rioxa. "Non podía seguir agardando a que se actualizasen as listas", afirma.

Suárez denuncia que a Xunta convoce "xenerosas ofertas de emprego público" en vésperas dunha cita electoral. "Ao tempo, esquécense de mencionar que hai moitos outros procesos abertos con opositoras cansas de agardar a que se resolvan", critica. A nova convocatoria anunciada conta con máis prazas que a anterior, 122 respecto a 55. "A maiores, retiraron temario respecto á nosa", di Suárez.

Transparencia e previsión

Fontes da Consellaría de Facenda aseguraron a Nós Diario que o proceso selectivo se resolverá nas vindeiras semanas. "Unha vez que se proceda á publicación definitiva de aprobados e á elección de destino", informan. Cando os nomeamentos sexan publicados no DOG "as listas actualizaranse de xeito automático".

Nerea Suárez reclama á Xunta máis "transparencia" e "previsión" á hora de estabelecer os prazos das convocatorias, revisións de exames ou a toma de prazas. "En xeral; para poder organizar a nosa vida laboral, pero tamén os tempos que temos para nós", puntualiza.