'Herminia' avanza e deixa máis de 1.200 incidencias na Galiza: mantense a alerta vermella no litoral atlántico

Amplíase alerta vermella por temporal costeiro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A Xunta da Galiza decidiu ampliar a alerta vermella por temporal costeiro durante toda a xornada desta segunda feira, 27 de xaneiro.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta da Galiza informou que o nivel máximo de alerta está fixado desde a tarde deste domingo 26 na faixa de litoral situada entre a comarca da Costa da Morte e a comarca de Ortegal, até seu límite coa Mariña, situando o resto da costa galega baixo alerta laranxa.

A alerta vermella decretada para a segunda feira, 27 de xaneiro, inclúe o tramo de litoral comprendido entre o municipio da Guarda, na comarca do Baixo Miño, e o concello do Barqueiro, na comarca de Ortegal.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) sinala nun comunicado que "a alerta vermella estará activa desde esta tarde [domimgo] no noroeste e oeste da Coruña por mar combinada con ondas de até 12 metros e prolongándose até primeiras horas da terza feira de 28 de xaneiro".

A AEMET afirmou que "no suroeste da Coruña e o litoral de Pontevedra prevese que o temporal costeiro de nivel vermello comece no mediodía de mañá [27 de xaneiro] estendéndose tamén até a terza feira por mar combinada con ondas de até 10 metros".

"Estas zonas", continúa a AEMET "permanecerán até mañá ao mediodía [segunda feira] en alerta laranxa e desde ese momento pasarán a vermella e quedará só en nivel laranxa a Mariña lucense por ventos de forza 8 e mar combinada do oeste-noroeste con ondas de até sete metros”.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior lembra que este domingo "mantense activa a alerta laranxa por refachos de ventos de 100 quilómetros por hora de sur-suroeste na Mariña lucense e no noroeste da Coruña, que tamén se estendeu ao oeste e ao interior da provincia coruñesa".

As autoridades galegas apuntan que "o nivel de aviso tamén é laranxa nesta xornada no interior e suroeste da Coruña; no noroeste, sur e na zona de montaña de Ourense; e en toda a provincia de Pontevedra por precipitacións acumuladas de 80 milímetros en 12 horas que poden acadar os 100 litros en 24 horas".

Incidencias

O Goberno galego recorda "a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos". Ao tempo, destaca "a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa" e de "circular con precaución".

O servizo de emerxencias do 112 da Galiza informou de que a borrasca 'Herminia' superou xa as 1.200 incidencias en todo o territorio relacionadas coa meteoroloxía adversa. En concreto, os servizos de emerxencias autonómicos computaron, entre este domingo e as primeiras horas desta segunda feira, xa un total de 1.226 incidencias a causa o temporal que continúa azoutando a Galiza.

A maioría destas incidencias tiveron que ver con ramas ou árbores en estradas, con máis de 600. Por outra banda, os equipos de emerxencias tiveron que intervir ata en 149 ocasións para evitar riscos. O número de derrubamentos que se rexistraron alcanzou os 45, mentres que as incidencias en relación a cables nas vías ou estradas chegou até 95. Os concellos que máis sufriron as adversidades da borrasca foron Santiago de Compostela e A Coruña con 42 e 25 incidencias rexistradas, respectivamente, así como Vigo e Pontevedra, con 86 e 30. Na Mariña, os municipios máis afectados foron Burela e Mondoñedo, con 15, mentres que no Barco de Valdeorras rexistráronse un total de 4.

Transporte suspendido

Fuentes de Renfe confirmaron, ademais, que continúa interrompida a circulación entre Ferrol e A Coruña, e na liña de ancho métrico Ferrol-Ribadeo-Oviedo. Para o tramo de Ferrol-A Coruña estableceuse un plan alternativo de transporte por estrada para os viaxeiros.

Ademais, á primeira hora desta segunda feira, sobre as 6.17 horas, o rexional que saíu de Vigo ás 5 horas, estivo detido en Pontecesures ao atoparse unha árbore sobre a vía. Este tren foi desviado para poder continuar a destino. Ao redor das 8.30 horas restabeleceuse a circulación.

O mal tempo impediu tamén retomar o transporte de ría en Vigo, e as navieiras informaron de que as conexións con Cangas e Moaña mantéñense suspendidas. Os roteiros xa foron canceladas este domingo polas condicións meteorolóxicas adversas e, polo momento, non están a saír os barcos, aínda que as compañías informarán cando as liñas estean operativas.

Tráfico aéreo

Por outra parte, as conexións aéreas con Madrid foron suspendidas á primeira hora desde as terminais de Vigo e A Coruña. Segundo informou Aena, foron cancelados os voos das 6.30 horas con destino á capital do Estado desde Peinador e Alvedro, debido a que tamén foron suspendidos os voos de chegada de Madrid deste domingo a última hora.

Ademais, no caso de Vigo, tamén foi cancelado o voo a Madrid con saída ás 8.40 horas. No balance feito público por Aena nas últimas horas, informábase de 54 cancelacións e 28 desvíos, até a tarde-noite do domingo, debido aos efectos de 'Herminia' en terminais, maioritariamente da Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi.