A Xunta activa desde esta tarde alerta laranxa por temporal no litoral da Coruña e Pontevedra

Activada a alerta laranxa por temporal costeiro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes activou a alerta laranxa por temporal costeiro nas comarcas do litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

O Goberno galego informou da decisión de activar a alerta laranxa a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza aos concellos afectados así como as deputacións e as agrupacións de voluntario de Protección Civil.

As autoridades galegas lembraron que as informacións Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) indicaron que “o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a tarde de hoxe en toda a costa coruñesa por vento do sur ou suroeste de forza 8”.

A Aemet avanzou, tamén, ondas de até cinco metros na costa atlántica galega. A este respecto, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior indica que as novas circunstancias requiren aumentar as medidas de prevención.

As autoridades galegas indicaron que “ademais, ao longo do día de hoxe prevese alerta amarela por precipitacións de até 40 milímetros en 12 horas no oeste e suroeste da Coruña e rachas de vento de ata 80 quilómetros por hora nestas zonas e no noroeste coruñés, na Mariña e no interior de Pontevedra”.

A  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior apuntou que “na xornada de mañá, manteranse estes avisos de nivel amarelo e, no caso da alerta por chuvia, acadará as zonas das Rías, Baixas, Miño e o interior da provincia pontevedresa, mentres que o aviso amarelo por vento estenderase ao interior da Coruña e á montaña de Ourense”.

Liña de costa

O Goberno galego destacou “a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos”. Nesta dirección, chamou a extremar as precaucións nas zonas sensíbeis.

A Xunta reclamou que “se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións”.