A Xunta activa o nivel 1 de alerta por altas temperaturas en diferentes zonas de Galiza

Multitude de persoas na praia de Samil, o 31 de maio de 2025. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Os valores máis elevados rexistraranse entre este sábado e a segunda feira, cando a situación de calor será máis xeneralizada.

Meteogaliza detallou que, a partir desta sexta feira, as altas presións volveranse localizar ao norte da península Ibérica, polo que chegará unha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana. Isto implicará que as temperaturas experimentes significativos ascensos, tanto nos valores mínimos como nos máximos.

Esta suba comezará a notarse esta sexta feira, cando varios puntos da Galiza superarán os 30 graos e, mesmo, os 35 graos en puntos de interior, razón pola cal a Xunta da Galiza activou o nivel 1 de alerta en diversos puntos de Galicia por altas temperaturas. Os valores máis elevados rexistraranse entre este sábado e a segunda feira, cando a situación de calor será máis xeneralizada.

Unicamente quedan fóra desta onda de calor puntos do norte do país. Así mesmo, espéranse néboas costeiras nas xornadas do domingo e da segunda feira nas Rías Baixas que contribuirán a un descenso das temperaturas nas zonas de costa durante a mañá. As temperaturas volverán aos poucos á normalidade a vindeira cuarta feira.

Recomendacións

Ante este episodio, a Xunta da Galiza lembrou que os principais grupos de risco son as persoas maiores de 65 anos e as crianzas menores de catro anos; persoas con enfermidades cardiovasculares, con diabetes mellitus, con enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, párkinson, Alzheimer ou patoloxías similares, así como persoas con enfermidades psiquiátricas. En caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recomendan solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.

Tamén todas aquelas persoas que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores e traballadoras, deportistas ou aquelas persoas que pasan varias horas en exteriores. Por iso, a Consellería de Sanidade recomenda beber máis líquidos sen esperar a ter sede, evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; usar roupa de tecidos naturais, lixeira, chapeu, lentes de sol e cremas protectoras, entre outras recomendacións.