A Xunta activa a alerta nivel 1 por altas temperaturas: a calor abafa boa parte da Galiza, que supera os 40ºC nalgunhas comarcas

Unha muller cun abano en Pontevedra. (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
Segundo informa Meteogaliza, as altas presións permanecerán estacionarias ao norte da península Ibérica durante esta semana.

A Xunta da Galiza activou a alerta nivel 1 por altas temperaturas en diferentes puntos do país, no marco do Plan de Actuacións do Goberno galego. O episodio arrinca esta terza feira, 17 de xuño, cunha previsión de duración de catro días. Segundo informa Meteogaliza, as altas presións permanecerán estacionarias ao norte da península Ibérica durante esta semana.

Desde esa posición, achegarán a suficiente estabilidade para que o predominio sexa de ceo despexado. Ademais irán atraendo unha masa de aire moi cálida, procedente do sur da península Ibérica e do norte de África, o que ocasionará un importante aumento nas temperaturas.

Este aumento significativo nas temperaturas comezou a segunda feira e estenderase ao conxunto da Galiza desde esta terza feira. Eses elevados valores de temperatura ocasionarán avisos por temperaturas máximas extremas nos próximos días, con temperaturas que poderán superar os 34 °C ou os 36 °C, quedando mesmo na contorna dos 40 °C en puntos do país.

41,2 graos en Leiro

41,2 graos en Leiro (O Ribeiro), 40,7º en Ourense, 40º en Arnoia (tamén no Ribeiro), 39,4º en Arbo (A Paradanta), 39,2º en Salvaterra (O Condado), 39º en Salceda de Caselas (comarca de Vigo)... Os termómetros marcaron alto esta terza feira en boa parte da Galiza e así seguirán nos vindeiros días, segundo as previsións de Meteogaliza e da Aemet. Tan só o norte do país fica á marxe desta vaga de calor grazas ao fluxo de aire fresco setentrional. 

A xornada desta terza feira foi dunha calor abafante nunha parte importante do territorio, con 36 graos en Compostela e 35º en Pontevedra, ou con Vigo superando os 34º. A Xunta da Galiza xa activou a alerta nivel 1 por altas temperaturas en diferentes zonas do país.

Alerta amarela

Para esta cuarta feira, as previsións son que as temperaturas mínimas non van rexistrar cambios, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso. Mantense a alerta amarela pola calor nas comarcas bañadas polo río Miño nos seus tramos máis ao sur; unha alerta que tamén se mantén para esta quinta feira.