A Xunta activa alerta laranxa por choivas na Coruña e Pontevedra e por vento na Mariña, montaña de Ourense e litoral de Pontevedra
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar a alerta laranxa por choivas nas provincias da Coruña e de Pontevedra, así como de ampliar a alerta laranxa por vento á Mariña e á montaña de Ourense, e a zona costeira de todo o litoral pontevedrés.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) advirte dun o fenómeno meteorolóxico adverso por choivas que comezará a primeiras horas da tarde e afectará ao noroeste, oeste e suroeste da Coruña, así como ás Rías Baixas e Miño de Pontevedra.
A Aemet prevé precipitacións acumuladas de 30 milimetros nunha hora e de 80 milímetros en 12 horas. O resto da Galiza excepto a Mariña e a montaña de Lugo, estarán en alerta amarela.
As autoridades galegas diante das fortes choivas recomendan circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
O Goberno galego ampliou, tamén, a alerta laranxa por vento, que está a afectar ao oeste e suroeste da Coruña, ampliouse ás áreas da Mariña e da montaña de Ourense. Pola súa banda, o resto das provincias da Coruña e de Lugo, así como Rías Baixas e o interior de Pontevedra están en alerta amarela.
A Aemet considera que o fenómeno meteorolóxico adverso deixará rachas de até 100 quilómetros por hora nas áreas baixo alerta laranxa. O resto das provincias da Coruña e de Lugo, así como Rías Baixas e o interior de Pontevedra están en alerta amarela por ventos de ata 80 km/h.
O responsábeis de Emerxencias da Xunta da Galiza sinalan a importancia de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptíbeis de desprazarse con vento.
Ventos na costa
As autoridades galegas lembran a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.