A Xunta ábrese a retirar a máscara nos recreos

Imaxe de arquivo (Foto: Arxina).

Dará o paso se ten aval xurídico e sanitario.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou que o Goberno galego ten pendente a decisión sobre a posíbel retirada das máscara nos recreos dos centros educativos, un paso que en Madrid -segundo anunciou esta mesma xornada a presidenta, Isabel Díaz Ayuso- darase xa desde esta segunda feria, día 24.

No caso galego, Rueda revelou que se realizará unha consulta, a través dos servizos xurídicos da Xunta, para determinar se retirar a máscara nos recreos é "viábel xuridicamente".

"Se nos dixese que si, exporíase ao subcomité clínico, e se este o ve viábel, esta medida implantaríase en Galiza", sentenciou Rueda.

O vicepresidente primeiro da Xunta confirmou que o Executivo galego deu luz verde, após o aval do comité clínico, a levantar o estado de emerxencia sanitaria decretado en marzo de 2020. 

Concretamente, a hostalaría que traballa polo día -cafetarías, bares e restaurantes- poderán abrir até as 1,30 horas as sextas feiras e sábados, media hora máis que actualmente.

No caso de pubs e salas de concertos, o peche será ás 4,30 horas as sextas e sábados. Mentres, as discotecas e salas de festas, poderán estender o seu horario ata as 5 horas, fronte as 4 horas de tope que hai actualmente, se se acollen ao nivel de seguridade máis alto.