Xulgan máis un veciño de Coia pola oposición ao barco na rotonda

Asemblea de coia

A policía acusa Diego, activista da ODS, de agredir un policía. Veciñanza négao e convoca unha concentración de solidariedade.

Diego, activista da Oficina de Dereitos Sociais (ODS) de Coia, será xulgado esta cuarta feira en relación co despexo da rotonda de Coia na protesta veciñal contra a instalación do buque Alfageme por parte do Concello de Vigo. Para apoialo e solidarizarse con el hai convocada unha concentración ás 9:30 horas perante os novos xulgados da cidade olívica. A finais da semana pasada, varios axentes da Policía Local viguesa prestaron declaración ante o xuíz, acusando a Diego de empurrar un policía durante os protestos, acto que pode ser cualificado de atentado á autoridade.

Mais desde o colectivo de oposición ao Alfageme na rotonda néganse as acusacións e mesmo o portavoz da Asemblea Aberta de Coia ten declarado que na concentración estaba con Diego, afirmando que este en ningún momento empurrou ningún axente e que nin sequera fora detido.

A preocupación entre a veciñanza radica que o outro veciño xulgado, Xurxo Romero, foi condenado recentemente por delitos de "resistencia" á autoridade e "lesións" a un axente da policía local a un ano de prisión. A sentenza tamén exixe o pagamento de 1.135€ de indemnización ao policía.