O xulgado estuda se ratifica a prisión dos tres detidos supostamente vinculados co asasinato de Samuel

Un dos detidos, camiño dos Xulgados, na mañá da sexta feira 16 de xullo (Imaxe: M. Dylan / Europa Press).

O tres mozos maiores de idade investigados pola súa implicación no asasinato de Samuel chegaron na mañá da sexta feira ao Xulgado número 8 da Coruña, onde a xuíza titular estudará se se ratifican as medidas estabelecidas a pasada sexta polo órgano de garda -o Xulgado número 1-, que enviou os tres homes a prisión provisional, comunicada e sen fianza.

O número 8, de garda o sábado 3 de xullo, cando se produciu a malleira mortal a Samuel Luiz, estudará a ratificación da pena de prisión e toma a substitución así do Xulgado número 1, de garda o día que os investigados pasaron a disposición xudicial.

O avogado dun dos detidos -sobre o que pesa, ademais do delito de homicidio ou asasinato aínda por determinar, unha acusación de apropiación indebida por levar, supostamente, o teléfono do mozo falecido-, reiterou a "inocencia" do seu defendido.

Trátase de José Ramón Sierra, quen se ocupara, ao inicio, da defensa de José Antonio Abuín, O Chicle, condenado polo asasinato de Diana Quer.

Sumario

Sobre o segredo de sumario e o recurso presentado pola Fiscalía para impedir o seu levantamento, o avogado deste investigado sinalou que é "necesario" que se fagan públicas as dilixencias para poder "defender os detidos con todas as armas".

"As comparecencias de hoxe estaban para que os detidos fosen interrogados, pero se non se levanta o segredo de sumario, é perder o tempo. Non podemos defendernos se non sabemos do que se nos acusa", indicou o letrado, que lamentou ademais que se perda o tempo "tanto para demostrar a inocencia dos inocentes como a culpabilidade dos que sexan culpábeis".

Esta sexta tan só foron chamados ao xulgado os tres homes detidos maiores de idade. A cuarta detida, unha muller de entre 20 e 25 anos que tamén pasou a disposición xudicial a pasada sexta, foi posta en liberdade condicionada a comparecencias regulares no xulgado.

Os outros dous detidos, menores -un deles con antecedentes penais-, foron internados nun centro de menores.