Xustiza

Un xulgado condena o Concello de Oleiros a retirar a campaña que simulaba o atropelo de Ethel Vázquez

O polémico cartel colocado polo Concello no que se simula un atropelo a Ethel Vázquez. (Foto: Concello de Oleiros)
Ademais, obrígao a contratar, nos medios de comunicación que se fixeron eco da campaña, a publicación dun anuncio no que se reproduza este veredicto, así como a absterse de colocar novos carteis con mensaxes semellantes que "manifestamente menoscaben, obstaculicen ou perturben as políticas públicas ou calquera actuación lexitimamente realizada por outro poder público no exercicio das súas competencias".

"Camiña, xógate a vida"; "Ollo! Que te pillan". O Concello de Oleiros, liderado por Ángel García Seoane (Alternativa dos Veciños) provocou en maio do pasado ano unha forte polémica após colocar nun treito da estrada de titularidade autonómica AC-173, ao seu paso polo Couto, dous cartaces con estes lemas e que incluían unha montaxe fotográfica na que un vehículo atropelaba a conselleira de Infraestruturas da Xunta da Galiza, Ethel Vázquez. O motivo? As múltiples protestas da veciñanza pola "falta de seguridade" no lugar, polo que demandaban un paso de peóns.

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 da Coruña, só dúas semanas despois, aceptou o recurso interposto polo Goberno galego e obrigou a tapalos como medida cautelar mentres se tramitaba un procedemento xudicial no que agora, nun auto difundido esta terza feira, o xuíz vén de darlle a razón á conselleira Vázquez. O xulgado acolleu o recurso contencioso-administrativo da Xunta entendendo que o Concello infrinxiu a Lei 29/2005 de Publicidade e Comunicación Institucional, e ordenou a retirada inmediata dos carteis.

Ademais, condenou a parte demandada a contratar, nos medios de comunicación que se fixeron eco da campaña, a publicación dun anuncio no que se reproduza este veredicto, así como a absterse de colocar novos carteis con mensaxes semellantes. O maxistrado tamén advertiu que pode instarse, en execución de sentenza, de adquirir firmeza a mesma, a retirada inmediata de novos carteis de contido idéntico ou similar.

O xuíz conclúe que "o ánimo dos carteis non pode ser outro que menoscabar e ridiculizar o exercicio das competencias propias en materia de estradas da Xunta da Galiza"

Na súa resolución, explica que o principio de neutralidade da administración, como principio constitucional, preside a disciplina da publicidade institucional na Lei 29/2005. Iso, segundo o fallo, concrétase en requisitos e prohibicións que atenden "tanto o contido da mensaxe como a proxección das devanditas campañas sobre o marco competencial e as relacións entre administracións públicas, que deben estar presididas polo principio de lealdade institucional".

O xuíz tamén precisa ao respecto que "non estamos ante unha actuación a título particular do alcalde de Oleiros, senón ante unha actividade do Concello de Oleiros". Ademais, descarta que "poida acollerse dita campaña como un exercicio da liberdade de expresión, non xa polo alcalde de Oleiros, senón polo Concello, pois os dereitos e liberdades, no noso ordenamento constitucional, osténtanos os cidadáns fronte ao Estado e os poderes públicos".

"Son dereitos fronte ao poder, non, desde logo, dos poderes públicos, non xa fronte aos cidadáns, senón tamén fronte a outra administración ou poder público", engade. Na sentenza, polo tanto, conclúe que a campaña conculca as prohibicións que contempla o artigo 4 da Lei 29/2005. E, entre elas, destaca a prohibición de campañas que "manifestamente menoscaben, obstaculicen ou perturben as políticas públicas ou calquera actuación lexitimamente realizada por outro poder público no exercicio das súas competencias". Así, indica que "o ánimo dos carteis non pode ser outro que menoscabar e ridiculizar o exercicio das competencias propias en materia de estradas da Xunta da Galiza".

O xuíz tamén sinala que a campaña "non só induce a confusión utilizando unha imaxe suxestiva da Xunta, inducindo a esa confusión, senón que, a medio diso, non se identifica a súa autoría polo Concello de Oleiros". A sentenza aínda non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de apelación.