Aumenta a presión política sobre Feijóo

O xuíz investiga o dono de Ferroatlántica, Villar Mir, na causa polo financiamento irregular do PP

Juan Miguel Villar Mir

Estreítase o cerco sobre Ferroatlántica, a empresa que tenciona o ok de Feijóo para a venda das centrais hidroeléctricas dos ríos Xalla e Grande, na Costa da Morte. Alén de deter Javier López Madrid, presidente do holding Ferroglobe en que se integra a compañía, o xuíz Eloy Velasco decidiu agora investigar o dono do grupo empresarial, Juan Miguel Villar Mir.

Villar Mir -vicepresidente do Goberno no gabinete Arias Navarro, no tardofranquismo- controla o grupo no que se achan englobadas Ferroatlántica e OHL, a empresa de construción da que se tería valido o Partido Popular para se financiar ilegalmente en troca de concesións de obras e contratos públicos.

O xuíz Eloy Velasco pediu información aos rexistros de propiedades sobre os bens dun total de 60 persoas que pretensamente terían algo a ver co entramado de financiamento irregular do PP. Entre elas, alén de Juan Miguel Villar Mir, estaría o ex presidente de Valéncia, Eduardo Zaplana.

Algúns dos bens das persoas investigadas serán embargados, de acordo co auto remitido polo maxistrado aos rexistros de propiedade.

A noticia do envolvimento de Villar Mir na coñecida como Operación Lezo aumenta, e moito, a presión política sobre Monte Pío, para que esclareza dunha vez que en ningún caso vai dar o nihil obstat á operación -a venda das centrais- que persegue Ferroatlántica. As centrais están vinculadas ás factorías de ferroaleación por unha concesión pública e só unha autorización da Xunta podería desagregalas.

Por este asunto da Operación Lezo xa foi detido o xenro de Villar Mir, amigo íntimo de Filipe VI e presidente de Ferroglobe desde xaneiro pasado, Javier López Madrid, arrestado xunto con outras 12 persoas. Sobre elas pesan cargos pola pretensa comisión de delitos de malversación, organización criminal, suborno, falsidade documental, branqueamento de capitais, prevaricación e fraude.

As reaccións políticas por parte da oposición non se fixeron agardar. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo no albo directamente o presidente da Xunta. "A que espera Feijóo para dicirlle ao imputado Villar Mir que non vai facer caixa coas centrais do Xallas?", perguntouse a líder nacionalista, en tanto que Luís Villares, voceiro de En Marea, pediu que se revisen "con lupa" os "millonarios contratos da Xunta de Galiza con empresas investigadas por financiamento ilegal do PP".