O xuíz que instrúe a morte de Asunta Basterra fai brincadeira co tratamento da imprensa

"A imprensa funciona así: sae un chío que di 'Os dados revelan que Asunta voaba' e faise unha información citanto fontes próximas á investigación". Foi o que dixo Vázquez Taín nunhas xornadas dirixidas, en exclusiva, a policías. O auditorio escachou a rir.


"A imprensa funciona así: sae un chío que di 'Os dados revelan que Asunta voaba' e faise unha información citando fontes próximas á investigación". Son as palabras do titular do xulgado de instrución nº2 de Compostela, José Antonio Vázquez Taín, encargado do procedemento aberto pola morte de Asunta Basterra.

De seguro que o que o xuíz procuraba era facer unha crítica do tratamento informativo que se lle está a dispensar ao suceso e que mereceu xa o pronunciamento en contra quer do Colexio profesional de xornalistas da Galiza quer da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade compostelá. Porén, se era iso o que pretendía, o que o seu auditorio percibiu foi que estaba a facer brincadeira da cobertura mediática. Nunha gravación emitida pola Cadena Ser poden ouvirse as gargalladas do público e do propio xuíz.

Cómpre sinalar que se ben o autor da 'brincadeira' é o instrutor da morte dunha crianza de 12 anos, o auditorio ao que ía dirixida a súa ponencia eran membros da policía. Taín foi un dos relatores convidados ás xornadas Terrorismo, seguridad ciudadana y violencia antisistema organizadas pola Unión federal de policía e homologadas pola Academia galega de seguridade pública, que depende da Xunta de Galiza. Segundo recolle o propio cartaz con que se anunciou o evento, este estivo dirixido "a forzas e corpos de seguridade". Os mesmos que lle riron a graza a Vázquez Taín.