Xustiza

Balance xudicial de 2023: os xuíces só rematan unha investigación por corrupción na Galiza

Sede da Audiencia Nacional, en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Durante 2023, os xulgados concluíron un total de 32 procedementos por delitos de corrupción en todo o Estado español.

Os xuíces e xuízas abriron xuízo oral ou procesaron por delitos de corrupción a un total de 256 persoas físicas e xurídicas no conxunto do Estado español en 2023 e concluíron a investigación en 32 procedementos, entre os cales só un se produciu na Galiza —con só unha persona acusada—, segundo informa este sábado o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Durante o pasado ano, as e os maxistrados concluíron un total de 32 procedementos por corrupción, nos que se ditou auto de apertura de xuízo oral ou de procesamento contra 185 persoas físicas e 71 persoas xurídicas, que foron ou serán levadas a xuízo por este tipo de delitos. En total, os órganos xudiciais ditaron 13 sentenzas en todo o territorio estatal.

Estes datos sobre procedementos por corrupción figuran no repositorio do Consello Xeral do Poder Xudicial após a incorporación da información correspondente ao ano 2023 e ao seu último trimestre, e correspóndense coa denominada corrupción pública, a que máis altos índices de preocupación inspiran na sociedade.

Deste modo, os procedementos xudiciais cuxos datos se reflicten no repositorio teñen como suxeitos activos a funcionarios públicos, gobernantes e políticos no exercicio dos seus cargos, e como un dos elementos do tipo a afectación de diñeiro público, o que abarca así tanto a corrupción administrativa como a corrupción política.

Andalucía está á cabeza nestes procedementos de corrupción abertos ao longo do ano pasado, con 16, a metade do total do Estado. Séguena Madrid e o País Valencià, ambos con catro casos, respectivamente.

Entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano pasado, os xulgados e tribunais ditaron un total de 56 sentenzas en procedementos nos que se investigaron delitos de corrupción. De todas elas, 38 foron total ou parcialmente condenatorias, o que representa o 67,9% de todas as ditadas polos distintos órganos xudiciais. As 18 sentenzas restantes, o 32,1% do total, eran absolutorias.