Xosé Regueira reivindica un territorio "amplo e diverso" con experiencias "para cada visitante"
A Área de Turismo da Deputación da Coruña presentará hoxe no seu stand da Feira Internacional de Turismo (Fitur), que decorre até o domingo en Madrid, a súa nova campaña turística, centrada nun fenómeno astronómico que acaparará todas as miradas este ano: a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto. A proposta materializarase, ademais, a través dunha presentación pouco convencional, na que a promoción turística irá da man da ciencia. A encargada de conducir a proposta ‘Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña’ será Begoña Nicolás, profesora da Área de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A presentación da Deputación da Coruña, que se acompañará dun pequeno vídeo, subliñará o privilexio que significará poder gozar, nunha mesma xornada, de dous ‘solpores’ con pouco máis dunha hora de diferenza: un momentáneo, provocado pola eclipse, e o que despois fará desaparecer definitivamente o Sol so a liña do horizonte. As circunstancias deste fenómeno farán que boa parte da provincia da Coruña sexa un dos mellores lugares de toda Europa onde gozar dun “momento máxico”, salientan desde a Área de Turismo.
E malia que o groso do protagonismo sexa para a eclipse, a Deputación da Coruña tamén marcará presenza na Feira Internacional de Turismo para defender a riqueza e diversidade deste territorio, ben como un modelo turístico baseado na calidade por riba da cantidade. “Temos un territorio amplo e diverso con experiencias para cada tipo de visitante. Somos un lugar con singularidades enormes, con oito xeodestinos complementarios e diferentes entre si: Ferrolterra, As Mariñas, a Costa da Morte, Terras de Santiago, a ría de Muros-Noia, O Barbanza-Arousa, Terras da Comarca de Ordes e Ulla-Tambre-Mandeo”, explica o vicepresidente da Deputación e deputado responsábel de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira.
“Temos turismo de costa, turismo de interior, somos epicentro dos Camiños de Santiago e contamos cun turismo de natureza absolutamente potente”, relata. Alén disto, no ámbito máis específico, a provincia alberga o Xeoparque Cabo Ortegal, un “fito de relevancia mundial” con certificación da Unesco, así como unha reserva da biosfera tamén recoñecida por este organismo internacional, a das Mariñas Coruñesas e as Terras do Mandeo. Regueira destaca, ademais, a importancia das tres cidades: Santiago de Compostela, declarada Patrimonio da Humanidade, epicentro do Camiño de Santiago; A Coruña, coa Torre de Hércules como patrimonio da Unesco, e Ferrol, que considera a “gran descoñecida” e que está a piques de presentar a súa candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco a través do “marabilloso proxecto” Ferrol, Porto da Ilustración.
“Polo tanto, efectivamente, sexa cal for a tipoloxía de turismo, nalgún dos xeodestinos ou cidades da provincia vai atopar a clave idónea para planificar as súas vacacións”, subliña Regueira.
Oito xeodestinos
Ferrolterra ofrece, ao norte da provincia, natureza salvaxe en que o Atlántico confronta cos cantís e onde se pode gozar de praias quilométricas e dun patrimonio arquitectónico único. Algo máis ao sur atopamos As Mariñas, un xeodestino conformado por 16 concellos dos que A Coruña é o maior polo de atracción turística mais onde a oferta tamén inclúe un turismo sostíbel e ecolóxico ao abeiro da reserva da biosfera. Xa no interior cómpre coñecer as Terras da Comarca de Ordes, cuxa oferta se basea na natureza e na paisaxe, así como nunha rica historia e nunha arquitectura civil e relixiosa de interese, así como o xeodestino do Ulla-Tambre-Mandeo, tres grandes ríos que ofrecen un paraíso interior cunha pegada histórica e cultural notoria, ou as Terras de Santiago, referente sobre o que se asentan outros 11 concellos cheos de historia, natureza e patrimonio arquitectónico e mais arqueolóxico.
E ollando cara ao litoral achamos outros tres xeodestinos de grande interese: O Barbanza-Arousa, cunha estreita conexión coa natureza, a gastronomía e a etnografía; a Costa da Morte, un xeodestino cheo de lendas, de tradicións e, sobre todo, de vida, e mais a Ría da Estrela –Muros e Noia–.
A Ría da Estrela, un destino cunha natureza abraiante e unha tradición ligada ao mar
A Ría de Muros e Noia– tamén coñecida como a Ría da Estrela– e mais a súa contorna teñen unha natureza abraiante e unha fonda tradición ligada ao mar. A zona histórica de Muros conta con declaración histórico-artística desde 1970, mentres que a de Noia foi declarada ben de interese cultural (BIC) en 1985. Outes, Lousame e Porto do Son son os outros tres concellos que forman parte deste xeodestino. Chaman tamén a atención dúas illas que se poden ver desde algún punto da costa: a Illa Vella e a Illa de Creba. O solo húmido e a auga caracterizan as prominentes serras de Outes e do Barbanza. Esa riqueza costeira maniféstase tamén nas preciosas praias, repartidas polos distintos municipios, como a de Basoñas, Area Longa, Aguieira, Broña, As Furnas, Esteiro, Portosín, San Francisco ou Ancoradoiro.