Xosé Luís Outes, catedrático de Economía de UVigo: "Altri representa unha volta ás vellas políticas industriais do século XIX"
—Nun momento de hexemonía ideolóxica do neoliberalismo, aposta por recuperar o peso do sector público na economía. Neste sentido, defende a creación dunha banca pública galega. Que cre que lle pode achegar ao tecido produtivo galego?
Hai que recuperar instrumentos para facer política económica porque o eixo central do neoliberalismo desde os anos 80 e 90 foi desmantelar todos os instrumentos públicos de política económica para deixar todo en mans do mercado.
O sector financeiro xoga un papel chave nas políticas económicas, polo que é fundamental contar cunha banca pública galega para o financiamento das políticas de desenvolvemento. Neste sentido, é necesario recuperar os máis de 100.000 millóns de euros que despois de 2008 o Estado entregou á banca privada.
—Unha das cuestións ás que lles presta moita atención no seu libro é á situación do sector enerxético. Neste ámbito, reivindica a creación dunha axencia enerxética galega. A que responde esa proposta?
A privatización das empresas enerxéticas, das empresas públicas e do sistema financeiro foron tres piares das políticas neoliberais no Estado. Non deixa de ser curioso que unha empresa como Endesa, privatizada por Felipe González en 1988, sexa agora propiedade da compañía pública italiana Enel.
É necesario, polo tanto, pór en marcha unha axencia enerxética galega, en base á utilización da biomasa forestal e dos encoros que se vaian recuperando a medida que venzan as concesións en mans das eléctricas.
—Leva moitos anos investigando cuestións de política industrial e agora, neste traballo, propón a posta en marcha dunha empresa pública industrial galega. Como se articularía e a que obxectivos respondería?
O bipartidismo é case sinónimo de neoliberalismo desde os anos 80. Un dos eixos do neoliberalismo foi a privatización do sector público, polo que esa empresa pública industrial galega debe comezar pola nacionalización da factoría de Alcoa na Mariña, privatizada polo Goberno de Aznar, que no momento da súa venda nos 90 entregou 450 millóns de euros á multinacional estadounidense. Só en 10 anos, as axudas públicas a Alcoa superaron os 1.000 millóns.
Unha nova política industrial que sexa transformadora debe apostar por un holding público de empresas do sector naval con Navantia, outros estaleiros e a industria auxiliar do sector.
—Proxectos como o de Altri ou o avance da eucaliptización sitúan no primeiro plano da actualidade a política forestal galega. Como a analiza e que alternativas defende nesta materia?
Altri representa unha volta ás vellas políticas industriais do século XIX, ás alternativas máis regresivas e menos respectuosas co medio ambiente e a un modelo de desenvolvemento non sustentábel polo simple feito de que expulsa entre 60.000 e 70.000 toneladas de CO2 ao ano. Por iso hai que parar xa ese proxecto.