Xornada de alerta laranxa no litoral e neve por riba dos 1.000 metros

Temporal na Coruña nunha imaxe de arquivo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes decidiu activar este aviso ante as previsións que apuntan a malas condicións marítimas deste sábado.

O litoral norte da Galiza permanecerá este sábado en alerta laranxa por un temporal costeiro que deixará mar combinada do noroeste con ondas de ata seis metros que poderían alcanzar os sete entre Ortegal e Bares.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes decidiu activar este aviso meteorolóxico ante as previsións que apuntan a malas condicións marítimas a partir do mediodía deste sábado.

Tamén estará en alerta amarela o resto da costa galega por mar combinada do noroeste con ondas de cinco metros, segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía.

A Xunta da Galiza lembra a importancia de manter as precaucións e afastarse da liña de costa, así como extremar as medidas de seguridade á hora de levar a cabo calquera actividade e revisar os cabos das embarcacións.

As predicións meteorolóxicas apuntan a que o temporal costeiro prolongarase, polo menos, até a xornada deste domingo.

Baixada de temperaturas

Este sábado, ademais, está previsto que entre na Galiza unha masa de aire frío que chega desde o norte causando unha inestabilidade atmosférica.

Por este motivo, agárdase unha xornada con temperaturas máis baixas e precipitacións que serán de neve por riba dos 1.000 metros, unha situación que se repetirá este domingo.