Xira rebelde en México contra a minaría a ceo aberto e en defensa do pobo wixárica

Pallas@s en Rebeldía organiza en DF un Festiclown a prol destas comunidades. Iván Prado explicou a necesidade da acción sinalando que "@s wixáricas son para a defensa ambiental e a riqueza cultural mexicana o que @s zapatistas son para a loita pola democracia e a xustiza en México"

Cada vez queda menos para o Festiclown Wirikuta, o festival de circo solidario organizado en México DF por Pallas@s en Rebeldía en solidariedade co pobo wixárica --termo en azteca que significa 'a xente' e que se traduce ao noso idioma como huichol-- e contra as minas a ceo aberto que o Goberno mexicano quere autorizar na reserva espiritual do Deserto de Wirikuta.

O pallaso Iván Prado actuará diante das 50.000 persoas que se prevé que asistan á inauguración do evento, este sábado 26, acompañado de artistas como Enrique Bunbury ou Calle 13. 'Wirikuta no se vende, Wirikuta se defiende', é o lema baixo o que enfrentan a loita as comunidades indíxenas, en contra das concesións para explotación mineira para o 70% das súas terras que foron concedidas á emrpesa canadense First Majestic e que supoñen un total de 6.326 hectáreas. A Xustiza suspendeu o proxecto de maneira provisional en febreiro.

Ás súas voces sumarase o espectáculo do pallaso galego, encadrado nas accións do Festiclown que se celebrará do 26 de maio ao 10 de xuño na república mexicana. Pallas@s en Rebeldía actuará en escolas e nos cárceres da cidade de México, en galas de circo solidarias en cidades mineiras e poboacións do Deserto de Wirikuta e pasarrúas reivindicativos no Zócalo de DF. "@s wixáricas son para a defensa ambiental e a riqueza cultural mexicana o que @s zapatistas son para a loita pola democracia e a xustiza en México", dixo Iván Prado, quen fixo xa varias visitas aos pobos huichois noutras tantas xiras solidarias con Pallas@s en Rebeldía desde o nacemento desta organización, en 1995.

Da organización deste Festiclown fai parte tamén Masacalli, unha das organizacións culturais que integra a Fronte de Defensa de Wirikuta, que xunto ao K Baret dels Refugiats e o Cirko Demente conforman a póla mexicana dun espectáculo a prol da defensa do patrimonio cultural e ambiental das comunidades wixáricas.