Xesús Méndez: "A loita contra os encoros no Navia non se pode dar por rematada, as empresas non renunciaron a concesión vixente desde 1963"
Unhas xornadas lembran este sábado 13 en Navia de Suarna, na comarca dos Ancares, a loita da veciñanza deste municipio contra un encoro que ameazaba con somerxer a localidade. Un dos nomes propios desta loita durante décadas, Xesús Méndez, explica a Nós Diario a historia deste conflito.
—Como xurde o a idea de erguer un encoro en Navia de Suarna e en que consistía o denominado proxecto do Gran Suarna?
O interese por embalsar o tramo alto do río Navia vén xa dunha solicitude do 1925 que se consolida na primeira concesión en 1926. Como non se realiza a obra, desde o ano 1939 a sociedade denominada Saltos del Navia presenta múltiples proxectos, conseguindo en 1951 unha concesión para o Suarna de 90 metros de altura, modificada no 1963 polo denominado Gran Suarna, cunha presa de 135 metros, que elevan a 150 en 1975 e que deixa debaixo da auga a vila de Navia e varias aldeas.
Diante da forte oposición veciñal mudan de estratexia e en 1985 presentan dous proxectos, o Suarna, augas abaixo da vila e o Penamil, a seis quilómetros augas arriba, quedando Navia entalada entre dous encoros. Logo abandonan o Penamil e apostan polo Suarna que non conseguen aprobar por unha sentenza contraria do Tribunal Supremo de 2004 e una declaración negativa do Estudo de Impacto Ambiental do ano 2012.
—Cando arrancou a loita contra o encoro de Navia, como se desenvolveu ao longo de tantos anos de mobilizacións e cales foron as razóns da vitoria veciñal?
Xa en 1964 presentáronse 400 reclamacións veciñais contra o Gran Suarna, provocando a súa paralización. Unhadécada máis tarde, concretamente o 25 de setembro de 1977, as Comisións Labregas por un lado e un grupo de 137 veciños por outro, convocan e participan nun acto en Navia que reuniu un millar de persoas para rexeitar o Gran Suarna.
A firmeza na defensa dos nosos intereses, a vía xudicial e a mobilización social resultaron centrais para paralizar o proxecto. Ao longo dos anos 80 e 90 seguíronse desenvolvendo accións reivindicativas, como un festival musical en 1985, coa participación de Fuxan os Ventos e Suso Vaamonde, ou un manifestación en Lugo en 1994 que xuntou máis de 3.000 persoas.
A loita contra os encoros no Navia non se pode dar por rematada, pois, as citadas empresas non renunciaron a concesión vixente desde 1 de xuño de 1963 e ningún Goberno do Estado promoveu a súa caducidade durante estes 62 anos. Os proxectos volveron para o caixón, pero a ameaza pode revivir.
—En que medida condicionou o proxecto do encoro o desenvolvemento do concello de Navia?
Cando as empresas conseguen a primeira concesión Navia tiña máis de 6.000 habitantes, en 2024 tiña 979. A súa ameaza periódica e cada vez máis agresiva, foi aproveitada polas administracións para deixar de investir en Navia coa desculpa de que ía ser asolagada polo Gran Suarna ou quedar pendente dunha espada de Damocles polo Penamil.
O leito do río Navia xa acollía tres encoros, o de Doiras, Salime e Arbón, malia iso Navia chegou a 1985 con 57 aldeas sen luz e sen os equipamentos básicos. Aínda hoxe estamos sen centro cultural, local social, depuradora de augas residuais e, ás veces, sen médico. Entre uns e outros, a maioría dos naviegos foron índose, uns para a emigración e outros para non volver.
Cando está explicando a loita da veciñanza de Navia contra o encoro é imposíbel non atopar similitudes con outro proxectos que hoxe se desenvolven no país como pode ser Altri ou as instalacións eólicas. Que leccións se poden sacar daquela loita para as de hoxe?
En Navia viviamos da produción agraria e gandeira e da actividade comercial. Os encoros cubrían as mellores terras, partían o concello en dous e deixábannos sen centro comercial. Tíñamos que loitar polo noso medio de vida. O que nos prometían era máis miseria.
Por iso, o primeiro foi identificar os responsábeis executivos e políticos e dirixir a loita contra eles, isto é ás empresas por espoliadoras e os Gobernos do Estado como avalistas e consentidores.
Fixémolo cos nosos medios e a nosa maneira. Houbo máis accións que debate. Non estivemos sempre todos na loita, pero os que estabamos en cada momento, buscábamos a unidade facendo cousas pola loita, apenas discutindo.
Considero un acerto ter sacado o problema fóra de Navia e favorecer así que a nosa loita fose asumida por moitos galegos e galegas. Entre todos e todas salvamos o leito alto do río Navia. A loita firme, coherente e democrática, sempre dá bos resultados.
E, por último, quero facer fincapé en que desde o inicio a nosa loita foi sempre en positivo e con alternativas aos encoros, co obxectivo de conseguir os recursos necesarios para superar o atraso e abandono que aínda padece Navia.