O xerente do Hospital de Verín abandona o seu cargo en plena polémica polo peche do paritorio

"Verín non se pecha", nunha manifestación perante o Parlamento.

O xerente do Hospital de Verín, Miguel Abad, deixou o seu cargo en plena polémica polo peche do paritorio  por “motivos estritamente persoais”. Pola súa banda, "Verín non se pecha" ten organizado para hoxe, 28 de decembro, ás 12 horas, unha protesta lúdica polos 25 días que levan de peche contra o desmantelamento do centro.

A dimisión de Miguel Abad chega tras o peche do paritorio do hospital pola falta de persoal. As dúas prazas de pediatría quedaran desertas e a súa reapertura estaba á espera de que finalizase a convocatoria de persoal.

Esta mesma sexta feira, 27 de decembro, o Diario Oficial de Galiza certificou a saída de Abad coa convocatoria pública dunha praza de director para o distrito sanitario de Verín. Un cargo que Abad deixou “de mutuo acordo” co Servizo Galego de Saúde (Sergas) por “motivos estritamente persoais”, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Consellaría de Sanidade. Fontes da Xunta apuntaron que o período para a presentación de candidatos será de cinco días.

Un cargo que Abad deixou “de mutuo acordo” co Servizo Galego de Saúde (Sergas) por “motivos estritamente persoais”

A polémica que rodea ao centro hospitalario desatouse tras a decisión da Consellaría de Sanidade de pechar o paritorio para garantir a seguridade das nais e dos bebés, en contra das persoas que alertaban dos riscos de someter a unha muller embarazada a piques de dar a luz a desprazamentos "dunha hora ou máis en coche".

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, indicou que o paritorio abrirá "en 24 horas" no momento en que haxa pediatras para atender aos acabados de nacer” e se conte co "visto e prace" da profesionais da área na materia.

Badaladas e foliada contra o peche do paritorio

Desde o 2 de decembro as traballadoras do Hospital de Verín e veciñas da comarca de Monterrei fan quendas para manter un peche de protesta, para reivindicar a repertura do servizo de partos e de urxencias pediátricas. Desde aquel momento, tanto o persoal sanitario como a veciñanza ficaron unidas na loita contra o peche do paritorio e a defensa da sanidade pública.

Máis dun mes desde que o Sergas anunciou o peche do paritorio e as urxencias pediátricas do Hospital de Verín. Un total 25 días de peche. Por tal motivo, para este sábado 28 de decembro, ás 12 horas, teñen organizada unha protesta lúdica, badaladas ao carón do Hospital de Verín, foliada e cantos de protesta que se estenderán ao longo da tarde. Unha previa a fin de ano diferente, baixo o berro de "Verín non se pecha".

Máis dun mes desde que o Sergas anunciou o peche do paritorio e as urxencias pediátricas do Hospital de Verín. Un total 25 días de peche.

A Comisión Delegada do Hospital de Verín e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei pretenden, con este novo acto, manifestar o apoio e a resistencia á situación que está a vivir o centro hospitalario.

A cita, que se amosa como un apoio a todas as persoas prexudicadas ante a situación do Hospital de Verín, é diante do Campo de Fútbol José Arjiz. Desde a organización alentan a todas as persoas a acudir e recordan que é preciso que cada un leve o seu propio cotillón. Tras as badaladas haberá unha foliada en defensa da sanidade pública, con cantos de protesta e música, que se poderá alargar até ben entrada a tarde porque haberá para comer polbo, bocadillos nos diferentes postos que se instalarán e tamén comida nos bares da contorna, segundo indican desde a organización.

Un manifesto contra o cese do desmantelamento do centro

Pola súa banda, o persoal facultativo do Hospital de Verín asinou un manifesto no que demandan poñer fin "ao seu desmantelamento". Foron 34 facultativas e facultativos do Hospital de Verín as que asinaron o manifesto, dirixido ao xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, no que demandan “o cese do desmantelamento” do centro. As profesionais afirman que a decisión de pechar o paritorio e as urxencias pediátricas é “meramente política” e consideran “insuficiente” a proposta da Xunta de ofertar dúas prazas temporais de pediatría.