Xa son 14 os traballadores de Urxencias do Montecelo infectados por coronavirus

O persoal sanitario está en illamento domiciliario.

Un novo surto que afecta a persoal sanitario na Galiza. Desta volta no pontevedrés Hospital Montecelo, en Urxencias. Segundo puido saber Nós Diario xa son 14 os traballadores e traballadoras contaxiados pola Covid-19. Nun primeiro momento falábase de 9 mais o número aumento unas últimas horas. O persoal afectado (facultativos, médico interno, enfermeiros) están en illamento domiciliario.

O surto transcendeu a pasada fin de semana, cando a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés confirmou polo menos tres casos por coronavirus entre o persoal do servizo das Urxencias. Fontes de Sanidade aseguraran entón que o contaxio se producira fóra do hospital.

Na mesma liña, a área sanitaria indica que todas e todos os profesionais atenderon os pacientes coas medidas de protección adecuadas para previr a transmisión e asegura que se están realizando cribados preventivos que abarcarán entre 150 e 160 persoas do servizo.

Así mesmo, segundo a Xerencia da área sanitaria, procedeuse á desinfección da zona concreta, e revisarase a operatividade e seguridade dos circuítos e a organización asistencial nas Urxencias.

Ao traballo malia ter pendentes os resultados

Segundo puido saber Nós Diario, o primeiro dos contaxios tivo lugar no ámbito familiar. O gromo xurdiu cando esta persoa compartiu unha xornada laboral de 17 horas con outras dúas compañeiras, coas que non coincidira fóra do lugar de traballo. Fixéronas, aseguran fontes próximas ás facultativas, pola súa conta e tiveron que ir traballar malia estaren pendentes dos resultados; é dicir, non se lles decretou illamento preventivo ningún.

A área preventiva non as considerara contacto estreito e non lles pedira PCR. Para figurar entre os contactos estreitos terían que ter fornecido coidados a un enfermo sen as medidas de protección acaídas ou ter estado no mesmo lugar que unha persoa infectada a menos de dous metros durante mais de 15 minutos sen protección.

Finalmente, ambas as dúas deron positivo na Covid-19 e o surto afecta xa 9 persoas vinculadas coas Urxencias de Montecelo. Fontes hospitalarias amosan o seu malestar pola tardanza á hora de someter as compañeiras e compañeiros do hospital a un cribado e expresan a súa preocupación pola carencia de persoal sanitario no citado hospital pontevedrés.