Xa é oficial o calendario laboral da Galiza para 2026: serán festivos San Xosé, San Xoán e o 25 de xullo
O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta sexta feira o decreto da Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración polo que se determinan as festas da comunidade do calendario laboral para o ano 2026 e no que se fixan como festivos propios os días de San Xosé (19 de marzo), de San Xoán (24 de xuño) e o Día Nacional da Galiza (25 de xullo).
A normativa estatal estabelece as 14 festas anuais de ámbito estatal non recuperábeis, remuneradas e de carácter obrigatorio. Delas, dúas son elixidas por cada concello e, das outras 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non sustituíbeis, a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (3 de abril en 2026), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 e 8 de decembro e 25 de decembro.
No ano 2026 hai dous festivos estatais de carácter obrigatorio que coinciden en domingo: o 1 de novembro (Todos os Santos) e o 6 de decembro (Día da Constitución) que Galiza propón substituír polo 19 de marzo (San Xosé) e o 24 de xuño (San Xoán), tendo en conta que o 17 de maio (Día das Letras Galegas) cae en domingo en 2026.
Os outros tres festivos de carácter estatal son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que na Galiza nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2026 celebrarase o 2 de abril), que na Galiza non se modifica de maneira tradicional; e dáselle a opción ás comunidades de elixir como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo.
Xornadas festivas
Así, as festas do calendario laboral para Galiza no 2026 que se determinan son:
- Aninovo, 1 de xaneiro
- Día de Reis, 6 de xaneiro
- San Xosé, 19 de marzo
- Xoves Santo, 2 de abril
- Venres Santo, 3 de abril
- Festa do Traballo, 1 de maio
- San Xoán, 24 de xuño
- Día Nacional de Galicia, 25 de xullo
- Asunción da Virxe, 15 de agosto
- Día do Pilar, 12 de outubro
- Inmaculada Concepción, 8 de decembro
- Natividade do Señor, 25 de decembro
Ademais, cada concello determinará dúas xornadas festivas como propias da súa localidade.