Xa están en marcha rescates en ascensores, como actuar se ficamos fechadas pola apagada?

Inspección técnica dun ascensor. (Foto: Andrey Popov)
Varios rescates ao longo do Estado español ao ficar os ascensores sen electricidade.

Na primeira hora da apagada xeral no Estado español os medios públicos transmitiron que se produciron nove rescates en ascensores como mínimo. Con todo, prevese que a cifra real sexa máis alta, e continúan a producirse reportes sucesivos de novos rescates.

Ao tempo, múltiples comunidades autónomas xa puxeron en marcha plans específicos nestas instalacións.

É normal sentir pánico ou ansiedade ao ficar fechado nun ascensor. Non obstante, as e os profesionais fan énfase na importancia de manter a calma nestas situacións, tratando de pensar noutros lugares e manter a mente ocupada, así como respirando profundamente.

É moi importante non intentar forzar as portas para saír, o que multiplica o risco de lesións, e manterse cómodo, sentado no chan do ascensor de ser posíbel, mentres tratamos de comunicarnos con emerxencias marcando o 112.

Ao tratarse dunha apagada xeneralizada é probábel que os equipos de emerxencia tarden máis tempo en chegar do que adoitan facelo.

No caso de non ser posíbel estabelecer comunicación co exterior, polas interrupcións nas redes móbiles, hai que ter paciencia e agardar instrucións do persoal de mantemento ou das e dos traballadores de emerxencias, e cooperar con eles unha vez que cheguen ao lugar.